Redacción . A Mesa pola Normalización Lingüística cualificou hoxe de marcha 'do odio, a intolerancia e o racismo lingüístico' a manifestación convocada pola asociación Galicia Bilingüe en Santiago de Compostela.
Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística.
Nun comunicado, esta organización considerou que a protesta supón "un fracaso para a convivencia de todos os galegos" porque se trata, ao seu xuízo, dunha "mobilización non para que se garantan os dereitos, senón para retirarllos a outros" e que "se desampare totalmente" a quen queira falar galego.
Para a Mesa é "especialmente preocupante o apoio do PP" á manifestación, á que, aínda que o partido non deu o seu apoio explícito, algúns dos seus integrantes acudiron a título persoal, entre eles a dirixente Ana Pastor, a ex alcaldesa de Vigo Corina Porro e o secretario xeral do PPdeG, Afonso Rueda.
Deste xeito, indicou a asociación, os populares "consuman unha traizón aos miles de tradicionais votantes que falan galego". Así mesmo, afirmou que "quen honestamente diga defender o bilingüismo" debería apoiar o idioma "que está discriminado e non saír en manifestacións para que se machuque aínda máis".
A Mesa chamou a atención tamén acerca dos "apoios explícitos da extrema dereita, como a Falanxe Auténtica" e sobre o comunicado da Asociación de Vítimas do Terrorismo (AVT) "no que se equiparou a defensa do galego coa coacción e a exaltación á ETA".
Descargar Tarifas