PUBLICIDADE
Domingo, 18 de maio de 2008
Deportivo 1 Levante 0
A maxia de Valerón salva o Dépor

Rodri Suárez Un pase xenial do canario no seu regreso permitiu que Riki fixera nos últimos instantes o tanto co que os coruñeses derrotaron a un digno Levante e mantiveron as opcións europeas.

 07.05.2008 | 22:19

Christian Wilhelmsson, do Dépor, ante Diarra
Christian Wilhelmsson, do Dépor, ante Diarra. REUTERS

Un encontro teoricamente doado que se converteu no clásico partido trampa serviu para recuperar con toda a súa grandeza a figura de Valerón. O xogo do mediapunta canario fixo reaccionar o Dépor fronte o pechacancelas Levante e das súas botas saíu o sensacional pase que, tras asistencia de Manuel Pablo, foi convertido en gol por Riki nos últimos minutos e salvou aos branquiazuis dun tropezo que podería complicar as súas opcións continentais, que se manteñen por medio da Intertoto e aínda poden ser de UEFA directa. Europa foi durante moitos anos o territorio natural do mellor Valerón. Quere volver. E pode.

Antes da emotiva aparición do canario, que viña da enésima lesión e tivo media hora, os de Lotina sufriron por mor da frialdade coa que afrontaron o encontro. A suposta facilidade da cita relaxou en exceso aos coruñeses ante un Levante que se comportou na liña de dignidade coa que está a asumir unha tempada crítica. Críticas tamén son as eivas do Dépor na punta cando non está Xisco. O balear ficou na bancada por decisión técnica (“precisa descanso”, dixo o adestrador) e no seu lugar estivo Bodipo. Desastroso. O internacional guineano errou as cinco ocasións das que dispuxo, e algunhas foron moi claras. Foi asubiado cando deixou o posto a Taborda, que tamén fallou unha incríbel. Morriña de Xisco.

Foi na segunda metade cando entrou no campo outro que se botaba de menos: Valerón. Fáltalle ritmo, pero vai sobrado de talento. Cun par de pases rachou a férrea zaga levantina, algo que antes só fora capaz de facer un veloz Willhemsson ou un omnipresente Sergio. Porén, non foi o día do Dépor. Pero si o da maxia canaria con só o 50 por cento da súa capacidade física. Se a recuperación vai ben e retorna o mellor Valerón, Europa volverá saber do Dépor.

 
Ficha técnica:

Deportivo: Aouate, Manuel Pablo, Lopo (Valerón 58'), Pablo Amo, Coloccini, Filipe Luis, De Guzmán, Sergio, Lafita (Riki 76'), Wilhemsson e Bodipo (Taborda 83').

Levante: Reina, Manolo (Descarga 73'), Rubiales, Robusté, Armando, Iborra (Ettien 77'), Serrano, Javi Fuego, Saul, Juanma (León 83') e Riga.

Gol: 1-0 Riki 87'.

Árbitro: Paradas Romero. Amoestou a Manolo e Juanma.

Incidencias: 18.000 persoas en Riazor.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
Vota
© 2008 A Nosa Terra
Principe 24 - 1º. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago:
Preguntoiro, 9 - 1º esq. 15704 Compostela
Tel. 981 569 193 - 981 570 264



Publicidade:
Tel. 986 43 38 30
PDF  Descargar Tarifas


publicidade@anosaterra.com
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Presidente: Miguel Barros Puente
Conselleiro-delegado: Afonso Eíré López

Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil