Redacción . A India quere mandar un foguete á Lúa o 22 de outubro. Este é o primeiro paso nunha carreira de conquista do satélite, que ha culminar no 2020 co envío dunha nave tripulada.
A carreira espacial volve estar de moda. Pero non coas bandeiras e nomes tradicionais desde o final da II Guerra Mundial. Xa non é Soyuz nin NASA... As novas potencias espaciais son asiáticas. Se hai uns días a China enviou ao espazo exterior o seu primeiro equipo de astronautas, agora é a India quen lle pon data a un ambicioso programa que terminará dentro de 12 anos coa reconquista da superficie lunar. O 22 de outubro prevese que a India envíe un foguete en dirección á Lúa. O obxecto da viaxe será facer un atlas tridimensional da lúa por medio de sensores de alta definición e tamén obter información sobre os compoñentes minerais da superficie do satélite. O proxecto conta coa participación de seis países, incluídos os Estados Unidos, e ten un orzamento de ao redor de 80 millóns de dólares. Este presuposto, que algúns criticaron por modesto, é, segundo as autoridades indias, o primeiro paso para unha carreira espacial ambiciosa. Os equipos de investigación espacial do país asiático xa perfilan deseños de satélites e naves. Dous son os obxectivos primordiais. O primeiro, conseguir mandar unha nave tripulada ao espazo exterior no 2014. Seguindo os pasos da China, a India quere demostrar o seu poderío cunha viaxe ao redor do planeta. O segundo, e se cabe, máis "romántico", é volver pisar a superficie da Lúa. A India quere enviar unha nave tripulada ao satélite no 2020. Os responsábeis do goberno afirman que conseguirán facelo a un prezo moi competitivo.
Satélite indio