Redacción . Ao longo do 17 de maio, a asociación compostelá sairá ás rúas para festexalo: a Alameda e a Praza do Toural acollerán diversas actividades. Xa na véspera, proxectarase un documental sobre o colectivo e realizarase un itinerario cultural pola cidade.
Cartel da festa do dezasete
Esta ruta cultural pola Compostela de principios do século XX partirá do Museo do Pobo Galego ás 17.00 deste venres, onde se visitará a exposición permanente dedicada á prensa, para despois ir coñecer a libraría Niké, lugar de debate e reunión propriedade de Xoán Xesús González, a imprenta Nós, de Ánxel Casal, ou o obradoiro de Camilo Díaz Baliño. A xornada rematará no Centro Social O Pichel, onde será proxectado, ás 21.00, o documental Quatro anos de Gentalha, que conta como naceu, dun almacén abandonado, o que hoxe é un dos locais sociais máis vizosos de Compostela.
Pero xa este xoves á tarde terán lugar, tamén no Centro Social, as presentacións de Made in Galiza, de Séchu Sende, O home inédito, de Carlos Meixide, e do documental Cascallos, de Tomás Lijó e Carlos Meixide. Indo á festa do 17 (que este ano, por fin, se celebra o dezasete), comeza ás 11.00 cunha ruada e unha concentración no Toural, ás 12.00. Dúo de Ases amenizarán a sesión vermú a partir das 13.00, e ás 14.00, o xantar,a base de polbo e churrasco, estará tamén amenizado con música.
Logo dunha boa sobremesa, nada mellor para facer a dixestión, ás 17.00, ca os xogos populares na Praza do Toural, ou, unha hora despois, o obradoiro de danzas lusófonas. Ás 19.00 comeza o festival da danza, a cargo da Escola Cantigas e Agarimos. Exposicións, ruadas e unha feira audiovisual completan a programación da tarde. E xa á noitiña, arredor das 20.00, comeza a festa.
Os da Ría serán os mestres de cerimonias para presentar a campaña da Fundaçom Artábria, a prol de dedicarlle as Letras Galegas do ano próximo a Ricardo Carvalho Calero. Séchu Sende será pregoeiro nunha noite de concertos, que contará con Ataque Escampe, The Homens, e Sacha na Horta, as gañadoras da última edición de A polo ghit!. Tamén se presenta Transgaliza e terán lugar varios sorteos.