EDF, a eléctrica controlada polo Estado francés, busca alternativas á anunciada OPA sobre Iberdrola para entrar no mercado español. O diario económico galo Les Echos afirma na súa edición de hoxe que EDF lanzaría unha OPA sobre Unión Fenosa co apoio do principal accionista da eléctrica, ACS, quen intentaría, cos réditos da venda, facerse co control de Iberdrola, da que posúe o 13%.
A información do diario francés sinala que “a hora do asalto ao mercado español non chegou aínda, pero podería ser nun ou dous meses”. No último consello de administración de EDF, o presidente da eléctrica, Pierre Gadonneix, deu a entender que ningunha operación sería inminente. “O que queremos é entrar de verdade en España, ter clientes, centrais eléctricas e acceso ás redes”, aseguran fontes da empresa.
Les Echos precisa que fai falta que EDF e ACS se entendan sobre o prezo dos activos (en especial sobre o 45% do capital que a multinacional española posúe de Unión Fenosa), e polo momento non hai acordo.