PUBLICIDADE
Xoves, 28 de agosto de 2008
Herminio Barreiro, pedagogo
'A educación é o camiño da liberdade'

Carme González Magdaleno Herminio Barreiro (Dorrón-Sanxenxo, 1937) sabe moito da escola da inmediata posguerra. Non só porque a Historia da Educación forma parte da súa profesión, senón porque a viviu dende dentro dunha maneira intensa. Fillo de mestre e mestra, o maxisterio foi decote unha constante na súa vida. Agora vén de recoller as súas lembranzas como alumno de 1940 a 1965 no libro 'Recordar doe' (Xerais).

Reloxo 19.07.2008 | 07:27

Herminio Barreiro Herminio Barreiro. Pepe Ferrin/AGN

Nos primeiros capítulos di que necesita contar a súa experiencia daqueles anos. Por que?

Todo comezou nas clases que dou na Facultade de Santiago. Atendía unha promoción de máis de 700 alumnos que era imposíbel abarcar de xeito presencial. Así que tiña que encargarlles moitos traballos. Un deles foi o relato das súas memorias da escola primaria e secundaria. O resultado deu nuns textos fermosos que despertaron a miña nostalxia. Pensei que sendo moito maior ca eles, e vivindo na escola uns momentos tan decisivos como a posguerra e a ditadura franquista, sería aínda máis interesante recuperar eses recordos. Entón escribín, hai catro anos, un artigo para a revista Sarmiento, e desenterrei moitas cousas. O ano pasado decidín que era o momento de contar as lembranzas completas da miña vida estudantil. Pero non se trata só de facer memoria, senón tamén dunha crítica daquela escola que vivín.

Por que doe esa mirada ao pasado?

Se lembras vivencias amargas, doe porque volves vivir esa amargura. Pola contra, se os recordos son de unha etapa moi boa, doe porque xa rematou. En xeral a memoria é dolorosa pola conciencia do paso do tempo.

Pódese dicir que o medo é o risco máis característico daquel método pedagóxico?

Infundir medo nos alumnos para conseguir que obedecesen era a tendencia dominante daquel momento. Tratábase dun proceso de inculturación forzado nun novo sistema de valores, a través dos castigos e a represión. Vivín o sufrimento e o medo dos compañeiros que recibían as labazadas brutais do profesor, aínda que eu non as recibía por ser fillo de mestres. Ademais tamén estaba o medo na cuestión da lingua: os nenos que só falaban galego temían non seren entendidos, pois na clase só se podía falar en castelán.

Servía esa represión para disciplinar os máis rebeldes?

Estou convencido de que pola forza non se consegue nada e non creo nos estímulos negativos como os castigos. Con violencia é imposíbel aprender ou cultivar o gusto por aprender. Creo nos premios ao esforzo aínda que se suspenda, pois cando se aproba, o premio verdadeiro ten que ser o aprobado. Hai que ensinar nun plano de igualdade, se o mestre quere obter respecto por parte dos alumnos debe primeiro respectalos. Pórse no lugar do outro é algo primordial na ensinanza.

Podería facer un resumo dos defectos e das virtudes da escola franquista?

A virtude era a conciencia da necesidade: esa idea arraigada de que aprender era imprescindíbel para a vida e unha forma de liberación. Os defectos máis claros eran dous: a utilización propagandista por parte do Estado e as carencias materiais da escola primaria, que foi castigada e marxinada polo franquismo. Só se adicaban recursos ao ensino secundario, destinado ás elites e á clase media que daría soporte ao réxime. Ademais querían desfacer o feito pola República, que  tiña unha forte conciencia de que era preciso mimar e coidar a primaria para o futuro do país.

Vostede apunta que a excesiva formalidade do ensino medio (secundario) do franquismo facía que os nenos medrasen moi rápido e de repente.

Si, esa división tan estrita do ensino facía que o paso da infancia ás responsabilidades adultas fose traumático. O ideal é pasar da infancia á adolescencia pouco a pouco, sen darse conta, incorporando responsabilidades na vida do neno paulatinamente. O segredo é poñer unha normas claras para que o neno saiba que camiño seguir, pero que o siga por el mesmo, sen presións. Con orientación é como se pode pasar á idade adulta sen sufrimento, aprendendo a tomar decisión propias. Hoxe tamén falta esa orientación, e sobra consentimento e superprotección, que infantiliza demasiado os rapaces e fai que pasen con irregularidade do intereses lúdicos aos intereses sociais e ao deber ser.

Tamén fai unha firme defensa da educación pública.

É un dereito fundamental e un deber do Estado, non se trata dun servizo máis ou dun privilexio. Debe considerarse ao mesmo nivel do dereito á vida. Por iso toda medida que non se axeite ao seu cumprimento exhaustivo debe ser denunciada, e o dereito á educación debe ser reivindicado incesantemente. A súa importancia vese claramente no feito de que os sectores da sociedade que non reciben unha educación, son sistematicamente marxinados, polo que se pode concluír que o ensino non universal e público xera desigualdades. Ademais a educación é o único xeito de acadar a liberdade e a realización persoal.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
© 2008 A Nosa Terra
Principe 24 - 1º. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago:
Preguntoiro, 9 - 1º esq. 15704 Compostela
Tel. 981 569 193 - 981 570 264

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Presidente: Miguel Barros Puente
Conselleiro-delegado: Afonso Eíré López

Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil