Redacción . A economía española medrou tan só unha décima en taxa intertrimestral entre abril e xuño do presente ano, a cifra máis baixa do terceiro trimestre dende 1993. Mentres o PIB tivo un crecemento cero, aínda que en taxa internaual medrou un 1,8 por cento no segundo trimestre, segundo os datos de Contabilidade Nacional Trimestral difundidos polo Instituto Nacional de Estatística.
O crecemento intertrimestral situouse dúas décimas por debaixo do incremento rexistrado no trimestre anterior e oito décimas menos que fai un ano, cando a economía española medrara un 0,9% en taxa intertrimestral. Pola súa parte, o crecemento intertrimestral baixou dúas décimas con respecto ao trimestre precedente (2,6%) e 2,1 puntos en relación co mesmo período de 2007 (3,9%). Ademais representa a taxa máis baixa dende o primeiro trimestre de 1993, cando o PIB aumentara o 1,7 por cento. O INE atribúe a moderación no ritmo do avance do PIB á desaceleración da demanda nacional, que reduciu 1,3 puntos a súa achega ao crecemento agregado, até 1,5 puntos. Desaceleración do consumo O gasto do consumo final dos fogares desacelerou o seu crecemento un punto, ate o 1,2 por cento, en liña cunha evolución máis negativa que no trimestre precedente dos indicadores asociados a esta variábel, como o nivel de emprego, a renda dispoñíbel das familias, as vendas de automóbiles ou a cifra de negocio, entre outros. Pola súa banda, o gasto en consumo final das administracións acelerouse entre abril e xuño até o 3,8 por cento, dúas décimas máis que no trimestre precedente, debido a unha maior intensidade no crecemento da remuneración dos asalariados destas administracións. Mentres, o emprego, medido en termos de postos de traballo equivalentes a tempo completo, moderou un punto o seu ritmo de avance no segundo trimestre e rexistrou un crecemento interanual do 0,4 por cento, o que supuxo a creación neta de 69.000 empregos no último ano. A desaceleración conxunta do emprego nas ramas industriais e os servizos, así como a intensificación na redución de ocupados na construción son dous dos trazos que máis destacan neste trimestre, segundo o INE.
Coches estacionados antes de estaren matriculados