PUBLICIDADE
Domingo, 21 de marzo de 2010
E critica a actual xestión de Audasa
A CIG reclama a titularidade pública da AP-9

Europa Press Responsábeis da CIG pediron en Vigo que a titularidade da autoestrada do Atlántico pase á administración, para priorizar o 'servizo público' fronte ao obxectivo de lograr beneficios, na mesma liña das manifestacións realizadas polo vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana.

Reloxo 16.12.2008 | 18:40

Tráfico na ponte de Rande Tráfico na ponte de Rande. Sonia Daponte/AGN Esquerda   1 / 2  Dereita  

O secretario da CIG na bisbarra de Vigo, Xerardo Abraldes, aposta pola creación dunha empresa pública que xestione a AP-9, unha infraestrutura que considera “estratéxica” para a zona. O líder sindical lamenta que a vía estea “nas mans dunha empresa financeira internacional”, Citigroup, grazas ao acordo subcrito recentemente con Sacyr para mercarlle a súa filial Itínere, xestora da Autoestrada do Atlántico.

Durante a presentación dun informe sobre Audasa, xunto a dirixentes sindicais do Porriño e O Morrazo, Abraldes asegurou que a nova propietaria non vén a Vigo “a prestar servizos senón a seguir especulando e sacar unha boa tallada para tapar buratos doutros investimentos”.

Ademais, denunciou a falla de mantemento das autoestradas da empresa Audasa (titular da AP-9) en aspectos como o estado do firme, a sinalización ou a iluminación, e incidiu en que o feito de que unha empresa pública pase a xestionalas, sen a supresión da peaxe pero dándolle preferencia o bo servizo fronte aos beneficios, suporá unha mellora.

Ponte de Rande

Por outra banda, no canto ao proxecto de ampliación da Ponte de Rande manifestou a súa esperanza en que, de seguir en mans privadas, sexa a concesionaria a que asuma o custo. Malia e todo, amosou o seu desacougo pola ausencia dun “compromiso real” co que, ao seu xuízo, traballa a Administración. “Tememos que pasarán as eleccións, pasará o debate de ampliación da ponte e, despois duns cantos anos, seguirá sen solución”.

Deste xeito, xulgou “necesaria a ampliación” debido ao colapso de Rande e recordou que o Estado dispón de “lexislación para obrigala a facer a obra”. Neste sentido, explicou que unha lei de 1972 afirma que “o concesionario deberá conservar a vía, os seus accesos, sinalización e servizos regulamentarios en perfectas condicións de utilización, facilitando en condicións de absoluta normalidade, suprimindo as causas que orixinen molestias, incomodidades, inconvenientes ou perigosidade aos usuarios da vía”.

Informe de Audasa

Pola súa banda, o responsábel da Unión Local da CIG no Porriño, Tano Guerra, explicou os principais contidos do informe sobre Audasa e denunciou “carencias”, especialmente nas conexións do sur de Galiza, en aspectos como a sinalización das diferentes vías alternativas que se poden utilizar.

Ademais, lamentou que mentres a autovía A-55 ao Porriño, que a comunica cos polígonos industriais da bisbarra, está colapsada (cun tráfico diario de entre 45.000 e 50.000 vehículos) a conexión de autoestrada nesta zona (que une Puxeiros con Tui) non rexistra nin o “10 por cento” do total, posto que a peaxe que hai que aboar é, segundo a CIG, “abusiva”.

Peaxes "á sombra"

Guerra interpretou esta falta de uso da autoestrada como unha “estratexia” de Audasa para lograr que a Administración pública “rescate” a concesión pola vía das “peaxes á sombra”, como, segundo afirmou, aconteceu coa liberalización dos tramos de Rande e A Barcala, executada pola Xunta, mediante a que a empresa recibe “uns 8 ou 9 millóns de euros cada ano”.

A CIG considera necesario que se realice unha “cuantiosisima redución” do importe da peaxe no treito Puxeiros-Tui da AP-9.

Do mesmo xeito, denunciou deficiencias en materia de seguridade, especialmente co problema que lle xeran os gardarraís aos motociclistas ou a carencia de saídas de emerxencia na maioría dos túneles e de iluminación, ademais da escaseza de cabinas nas peaxes. Neste último aspecto, denunciou que “non houbo cambios nos últimos 15 anos pero a intensidade do tráfico aumentou un 15 por cento”.

Finalmente, instou o Ministerio de Fomento a controlar o servizo que presta Audasa e á consellaría de Política Territorial que vele “para que a lei se cumpra”, ao tempo que lle recriminou que, tras a compra efectuada por Citi, “saísen cargos públicos a esixiren” o que “non se lle esixiu a Sacyr”.

Comunicacións no Morrazo

O responsábel da Unión Local do Morrazo, Suso García, referiuse os “problemas de comunicación” que ten esta bisbarra pontevedresa, tanto no transporte por estrada, que está “colapsado”, como pola "descoordinación" existente entre os medios de comunicación colectivos a ambos os dous lados da Ría de Vigo, que afecta os usuarios do transporte marítimo.

Do mesmo xeito, defendeu a necesidade de “potenciar o ferrocarril”, especialmente para o traslado de mercadorías nos portos da provincia, Vigo, Marín e Vilagarcía, e evitar así a saturación das estradas.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río