Europa Press . O secretario xeral da Federación Galega de Alimentación, Mar, Transportes, Téxtil e Telecomunicacións (Fgamt) da CIG, Xosé Fernández Piñeiro, anunciou que o sindicato denunciará pola vía penal a empresa Termavi –concesionaria do tráfico de colectores no Porto de Vigo– pola 'falta de liberdade sindical' e o 'prestamismo laboral' que, segundo criticou, se produciu durante a folga concluída o martes.
Nunha rolda de prensa, Fernández Piñeiro acusou a esta compañía de non deixar acceder os representantes sindicais ás instalacións e por recorrer a "persoal alleo" para suplir a ausencia de traballadores durante o paro mantido entre o pasado día 15 e martes.
Guindastre de Termavi no Porto de Vigo.
Ademais, recordou que existen dilixencias abertas na Inspección de Traballo sobre estes dous asuntos denunciados durante a folga e, ademais, por temas de seguridade no traballo, un aspecto que "non é un punto forte da empresa", lamentou.
Así mesmo, anunciou que se realizará un "seguimento exhaustivo" das condicións de traballo no centro e, ao "mínimo" caso de "represión sindical" que se detecte, a CIG se mobilizará co obxectivo de "paralizar todo o porto", advertiu.
Folga para readmitir empregados
Por outra banda, Piñeiro recordou que o obxectivo co que se convocou a folga foi a "readmisión" de 9 traballadores –deles, dous afiliados da CIG e o resto de UGT– e lamentou que non se conseguise o obxectivo debido á, segundo el, "reprobábel" actitude do sindicato UG, que foi a central que chegou a un acordo coa empresa e a Autoridade Portuaria de Vigo.
Segundo recordou, o documento, que non asinaron os dous afiliados da CIG, inclúe a posibilidade de prexubilar tres traballadores e a posibilidade de recolocar noutras empresas outros 4, descartando calquera readmisión en Termavi, que era a finalidade exclusiva para a que se convocou a folga. Neste sentido, recordou que os dous despedidos afiliados da CIG proseguirán coas súas accións xudiciais, para reclamar a nulidade do seu despedimento.
“Mal guiados por UGT”
Pola súa banda, o presidente do comité de empresa, Alexandre Rodríguez, –a CIG ten maioría no comité de empresa pero non no colectivo de 9 despedidos–, considerou que os catro afiliados de UGT despedidos de Termavi e que permaneceron en folga de fame subidos a uns guindastres "estiveron mal guiados por UGT e asinaron un acordo que é papel mollado".
Respecto destas catro persoas e do seu acto de protesta –que se produciu no marco da folga de todo o persoal en protesta polos despedimentos e instando a unha readmisión–, Piñeiro afirmou comprender "a actitude individual de todo o mundo", aínda que desvinculou a CIG delas porque "non lle gustan ese tipo de accións, aínda que sexan heroicas ou desesperadas". Fronte a iso, defendeu mobilizacións "de carácter colectivo" que involucren a todos os traballadores afectados.
Pola súa banda, a UGT respondeu ás críticas da CIG acusándoa de querer "culpar" os traballadores encerrados nos guindastres e considerou que os encerrados foron quen "soportaron a presión da folga para que se expuxo unha solución desde as partes afectadas", posto que foi o seu acto o que provocou a paralización de Termavi.
Neste cruzamento de críticas, UGT tamén precisou que os traballadores despedidos –afiliados seus– manterán as súas reclamacións xudiciais pero "coa diferenza de que agora teñen sobre a mesa unha saída laboral digna". Finalmente, indicou que os conflitos non se poden manter indefinidamente e advertiu de que "ser un temerario pode ser unha irresponsabilidade por parte dunha central sindical".
Descargar Tarifas