PUBLICIDADE
Xoves, 28 de agosto de 2008
EN VIXILANCIA ADUANEIRA
A CIG alerta que entra máis droga por falta de medios

Redacción .  'O gramo de cocaína está por baixo dos 40 euros, 20 menos que en 1991', denuncia o sindicato. A CIG destaca a antigüidade das embarcacións e a pouca autonomía do helicóptero.

Reloxo 07.08.2008 | 09:45

Patrulleiro VA III, modelo que opera na base do Servicio de Vigilancia Aduanera en Vilagarcía Patrulleiro VA III, modelo que opera na base do Servicio de Vigilancia Aduanera en Vilagarcía. losbarcosdeeugenio.com O sindicato CIG denuncia “a precariedade” dos medios cos que conta en Galiza o Servizo de Vixilancia Aduaneira (SVA). É máis, a organización alerta que “numerosas trabas” están a favorecer a entrada de máis estupefacientes.

Tras sinalar a antigüidade da súas embarcacións, a CIG indica que “de aí que as aprehensións estean a diminuír en Galiza, mentres a droga segue a entrar como fai anos. Non temos máis que ver que o gramo de cocaína está por debaixo dos 40 euros, 20 euros menos que en 1990”, sinala a organización nun comunicado.

En particular, a organización alerta que “en tres das seis bases marítimas do país, as embarcacións sobrepasan os 24 anos de antigüidade e o helicóptero da zona norte tan só dispón de dúas horas de autonomía”.

Menos autonomía que no sur

Trátase das bases de Vilagarcía de Arousa, Muros e Ribadeo. “Con esta antigüidade faise imposíbel calquera tipo de vixilancia ou persecución a planadoras”, laméntase a sección sindical do sindicato nacionalista na Axencia Tributaria.

Sobre os medios aéreos, o sindicato alerta que “o helicóptero que temos posúe unha autonomía moi limitada, de dúas horas aproximadamente, o que ocasiona que non poidamos controlar grandes extensións de mar, mentres que na zona sur os helicópteros de Vixilancia Aduaneira dispoñen de seis horas de autonomía”.

Un escáner que leva un ano sen instalar

A CIG tamén denuncia que o Porto de Vigo ten un escáner para o control de entrada de mercadorías prohibidas en contedores dende hai un ano e que aínda non entrou en funcionamento.

“Os traballadores de Vixilancia Aduaneira temos demostrado que sabemos loitar contra esta lacra que masacra a nosa mocidade e, moitas veces, sen que se nos recoñeza o noso labor silencioso pero efectivo. Por isto non podemos entender que intereses pode haber para que Vixilancia Aduaneira de Galiza non poida dar o máximo na loita contra o narcotráfico”, conclúe o comunicado.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
© 2008 A Nosa Terra
Principe 24 - 1º. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago:
Preguntoiro, 9 - 1º esq. 15704 Compostela
Tel. 981 569 193 - 981 570 264

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Presidente: Miguel Barros Puente
Conselleiro-delegado: Afonso Eíré López

Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil