Manuel Vilas . A inmobiliaria presentou en 2005 unha macrourbanización con tres mil vivendas e seis hoteis. Caixa Galicia foi un dos socios que aportaron 1.500 millóns para as obras, aínda por concluír.
Fadesa non escatimou gastos na presentación do macrocomplexo Mediterrania Saïdia. Tampouco era o tempo de facelo, primavera de 2005, en pleno 'boom' inmobiliario internacional. A inmobiliaria da Coruña pagou o billete a ducias de xornalistas galegos para que acudisen ao lugar onde ía construír unha macrourbanización. Tratábase dun proxecto faraónico, especialmente polo atípico da zona, moi preto da fronteira de Marrocos con Alxeria. Incluía seis hoteis, tres mil vivendas, tres campos de golf, un porto deportivo con 800 amarres e unha gran zona comercial e de ocio con restaurantes, servizos sanitarios e todo o que o turista occidental puidese necesitar. Unha versión marroquí de Marina D'or situada nunha praia virxe de seis quilómetros, que levantou as críticas dos ecoloxistas ante o comezo da 'marbellización' da costa africana. Jove condecorado polo Rei Mohamed VI Ante a ausencia total de edificios, a inmobiliaria instalou grandes 'jaimas' nas que medio cento de convidados puideron departir con varios ministros do goberno marroquí, incluído o primeiro ministro, Driss Jettou. As boas relacións co Executivo de Rabat foron claves no proxecto, como proba que o propio Mohamed VI condecorase a Manuel Jove como comendador Wissam Al Alaoui pola súa contribución ao turismo. O certo é que Mediterrania Saïdia tratábase da maior operación inmobiliaria da firma galega. Con máis de 1.500 millóns de inversión e máis de 5.300 camas en hoteis, Fadesa prevía que a primeira fase das obras estivese lista en xaneiro de 2006 e funcionase a pleno rendemento esta primavera. Caja Madrid e Caixa Galicia Caixa Galicia foi unha das entidades financeiras que confiaron nesta arriscada aventura. Xunto con Iberostar, Caja Madrid, e Sa Nostra creou unha sociedade, Inhova, para xestionar os investimentos no complexo. A crise de Martinsa-Fadesa deixa no aire o o futuro da promoción a medio construír. De feito, as dificultades da inmobiliaria obrigaron a Fernando Martín a vender a metade da súa participación a compañías marroquís. Con todo, na rede seguen a ofertarse os primeiros apartamentos finalizados. Hainos dende 90.000 euros. Porén, non hai noticia da apertura de ningún dos hoteis previstos. O primeiro, Barceló Saïdia, aínda está en construción malia que estaba anunciado para 2006. O seu futuro é incerto, como o dos 40.000 postos de traballo indirectos que Fadesa prometera crear na área.
Estado das obras de Mediterrania Saïda en 2008
1 / 3
Marina D'or en Marrocos
40.000 empregos prometidos