Redacción . A central nuclear de Santa María de Garoña (Burgos) pechará o 1 de abril de 2013, segundo informaron fontes socialistas. O Goberno central tomou esta decisión tan só tres días antes de que expire o permiso de explotación actual e dous anos antes de que Garoña cumpra a súa vida de deseño no ano 2011.
Esta decisión non responde os intereses de ningunha das partes implicadas, xa que os ecoloxistas solicitaran o peche inmediato da central e da empresa propietaria, Nuclenor, mentres que os traballadores pediran a renovación do permiso de explotación por outros dez anos, até o 2019. O Goberno prolongará a vida da central nuclear burgalesa de Santa María de Garoña até o 1 de abril de 2013, segundo o presidente da Asociación Española da Industria Eléctrica (Unesa), Pedro Rivero. "A nós non nos chamaron", afirmou Rivero, nunha entrevista na cadea SER, "pero todo o mundo coincide” na data. Doutra banda, o presidente de Unesa subliñou a importancia de que se produza un consenso "o máis amplo posíbel" sobre o 'mix' enerxético futuro que achegue un "mínimo de estabilidade", e avogou por "non prescindir de ningunha fonte de xeración". Enerxías renovábeis Ademais, considerou que "fan falta tres ou catro grupos nucleares" até 2030 para permitir o desenvolvemento das enerxías renovábeis e asegurou que "o tema dos residuos está resolto", xa que a tecnoloxía permitirá en breve reutilizar este tipo de material. Pola súa banda, o presidente do Goberno central, José Luís Rodríguez Zapatero, adiantou hoxe que esta tarde o ministro de Industria, Turismo e Comercio, Miguel Sebastián, fará pública a súa decisión sobre a solicitude de renovación da central de Garoña.
Central nuclear de Garoña
Descargar Tarifas