PUBLICIDADE
Venres, 19 de marzo de 2010
Os franceses en Galiza (1809-2009)
A batalla de Mourentán

César Lorenzo Gil Hai 200 anos, en plena invasión de Galiza polos franceses, unha aldea fíxose famosa en toda Europa. Na ponte de Mourentán, un grupo de guerrilleiros freou o avance da columna de 8.000 soldados dirixidos polo mariscal Soult.

Reloxo 15.02.2009 | 07:30

A ponte de Mourentán A ponte de Mourentán. CQL

Igual que no inverno do 1809, as abundantes chuvias deste ano acugulan a cunca dos ríos Deva e Miño. A poucos quilómetros da desembocadura do primeiro no segundo, no lugar de San Xoán de Mourentán (Arbo) érguese unha ponte que os veciños coñecen por “romana” mais con evidente fasquía medieval.

Hoxe a paraxe está acondicionada grazas aos fondos europeos. O Concello colocou lastras novas, prendeu farois e labrou un paseo na ribeira que se converteu en punto turístico. Antes diso, xa construíra unha represa para aproveitar o leito do Deva como piscina fluvial, cuxa praia está semeada de xigantescos eucaliptos, freixos e salgueiros que manteñen a auga xelada o ano enteiro. Ao tempo, onde antano houbo muíños, ao pé do ollo da ponte, rehabilitouse un predio destinado a cafetaría que tivo que pechar apresuradamente por problemas burocráticos. E no petouto que vixía o paso do camiño funciona un albergue rural.

O paseante encontra contaxiado polos liques o fito de pedra onde hai cen anos o párroco de Santa María de Arbo, Miguel Davila, mandou colocar unha placa que recorda o combate de febreiro do 1809. Por un momento, é coma se o barullo da corrente se mesturase co cantar dos carros, as pisadas das botas nas laxas, o rinchar dos cabalos, o suspense das mechas dos canóns a arderen e o croído constante dos estouridos da pólvora nas bocas dos mosquetóns.

A chuvia e a guerra

Contan as crónicas que na beira leste do Deva, na aldea que chaman do Coto, a pé da ponte de Mourentán, montaban garda ao redor de mil guerrilleiros desde o 15 de febreiro do 1809. Os máis deles eran labregos do que hoxe é a comarca da Paradanta, mais tamén había combatentes que cruzaran a fronteira portuguesa e frades, cos seus respectivos foreiros, de Melón e incluso de Celanova e Ribadavia.

O obxectivo: deter o avance francés. A súa estratexia: protexer a ponte con fogo e aceiro, coas poucas armas de man que se arrancaran das propias panoplias dos moitos pazos e casas grandes da bisbarra. Á súa fronte, o abade das parroquias do Couto e de Vilar (hoxe pertencentes á Caniza e Crecente, respectivamente), Mauricio Troncoso de Lira, enlace da resistencia á invasión gala na zona e dotado, non se sabe se por xínea fidalga ou formación oculta, de certas dotes para o combate.

A estratexia seica se planificou en Ribadavia, con espías chegadas de todo o sur de Galiza. A primeiros de ano, logo da batalla de Elviña (A Coruña) na que os ingleses evacuaron os despoxos do seu exército, os mariscais Soult e Ney, encargados de 40.000 tropas, reciben a encarga de conquistar definitivamente o norte de Portugal. É Soult quen deixa Santiago o 3 de febreiro co obxecto de atravesar o Miño en Tui.

Ao chegar á catedral-fortaleza, o militar francés decátase de que a tarefa é imposíbel. O Miño baixa crecido e non conta con enxeñeiros capaces de organizar o paso cara á outra beira, onde espera a artillaría portuguesa. Primeiro opta Soult por embarcar os seus soldados na Guarda, cara a Vila Nova de Cerveira e Caminha, aproveitando que o esteiro miñoto alivia un tanto as fortes correntes. Pero o tempo e os remuíños impídenllo. Os primeiros botes son acribillados polos canóns portugueses do forte de Lovelhe e varias ducias de franceses son feitos prisioneiros.

Pensa entón o mariscal en pasar a Portugal por terra firme. Os seus soldados habían seguir a beira do Miño até Ourense, cruzar o río, cachar por sorpresa na Limia ou en Monterrei o exército do marqués de la Romana, en permanente fuxida, e invadir Portugal á altura de Chaves.

A conxura de Barreiro

O meirande problema dun exército en campaña non é gañar combates senón alimentar diariamente a tropa. Os oficiais da intendencia espallan exploradores con reclamos leoninos para alcaldes, señores e cregos. Un deles chanta no portón do pazo de Barreiro (Crecente) o que se espera dese partido xudicial (os concellos do propio Crecente e Arbo, en termos actuais, máis algunhas parroquias da Caniza e Covelo). Naquelas estancias vive don Mauricio Troncoso de Lira, quen recolle o pedido e le: 2.343 racións de pantrigo, 9.760 cuartillos de viño, 11.712 libras de carnes vivas, 1.952 monllos de palla centea... Para de ler o abade e entende que o plan para entupir o camiño dos franceses ten unha boa escusa para os labregos: ou a loita ou a ruína.

Os veciños da Paradanta naqueles tempos estaban aforados, é dicir, usufrutuaban as terras e pagaban unha parte a mosteiros e pazos, o que na práctica significaba que o plantío practicamente era deles e tiñan moito que perder se un exército famento tripaba os seus leirados. Troncoso de Lira non tivo problema para recrutar un grupo de guerrilleiros e seguir o plan que axentes tudenses, portugueses e incluso ingleses artellaran.

Había que frear os franceses. Así posibilitaríase que o marqués de la Romana lograse tomar maior vantaxe, poderíase organizar a resistencia en Ourense e terían tempo os conxurados vigueses para atacaren a fortaleza do Castro.

O plano encaixaba co paso do Deva en Mourentán. Soult seguía o Camiño Real que unía Ribadavia con Salvaterra, único vieiro no que transportar carros, canóns e cabalaría non se convertiría nun suplicio. A ruta pasaba obrigatoriamente pola “ponte romana”, erguida nunha paraxe esgrevia, entre enormes laxas, socalcos de viño e o monte propio das areas do río. Ademais, perto da ponte a pequena aldea do Coto serviría para facer aínda máis difícil o avance francés, por podérense refuxiar alí milicianos armados.

Guerrilleiros entre o fento

O 16 de febreiro chegan a Mourentán os primeiros xenetes. Dragóns de penacho no helmo reciben o primeiro chumbo. O berro da sentinela e o son da trompeta deteñen a columna francesa.

Durante día e medio franceses e galegos pelexan corpo a corpo. Soult non pode derrubar a ponte co río tan crecido e debe varrer os resistentes a gume de baioneta e sabre. Un relato aproximado do que puido ser a loita pódese ler no libro O sangue dos Cortiña, (A Nosa Terra) de Miguel Anxo Fernández.

O sábado, 18 de febreiro, Troncoso de Lira ordena a retirada. Máis de 300 defensores fican na chapacuña do Camiño Real.

A columna tomará represalias na xornada seguinte. Xoán Osuna conta en A guerra de Independencia en Galicia (Lóstrego) que Soult deixou que os seus soldados saqueasen Mourentán e Cequeliños, lugar por lugar, casal por casal. A aldea do Coto aínda está en ruínas.

Unha segunda fronte de resistencia na ponte das Achas (A Caniza) foi derrotada facilmente mais o sacrificio dos seus defensores serviu para que o continxente de Troncoso de Lira se puxese a salvo na selva do Xurés e na fortaleza de Melgaço (Portugal).

Soult non sabía daquela que a batalla de Mourentán fora só o principio. No camiño cara a Ourense e logo cara a Chaves, enfrontouse a levantamentos populares cada 20 quilómetros. Ribadavia, Allariz, Vilar de Barrio... Calcúlase que 3.000 franceses foron abatidos na marcha. O ambicioso plan de insurxencia acabaría por triunfar. Un dos que conspiraran no pazo de Barreiro contra os invasores, Bernardo González del Valle, había facerse famoso un mes despois, cando liderou a reconquista de Vigo, o 28 de marzo, co nome de Cachamuíña.

Os restos dunha aldea atacada

É difícil hoxe en día percibir que entre codesos, xestas e silveiras descansan as ruínas dunha aldea no Coto, en San Xoán de Mourentán, parroquia de Arbo. Seguindo o antigo Camiño Real, a poucos metros da ponte, adivíñanse paredes e dinteis de antigas casas arruinadas desde hai 200 anos.

Pola feitura e localización, todas debían ter sobrado e resíos onde plantar unha meda ou cavar unhas patacas. A meirande parte das outras aldeas incendiadas polos franceses foi reconstruída.

De feito, moitas das pedras daquelas construcións utilizáronse para cortellos e casas posteriores. O abandono do rural nos últimos 50 anos provocou que ao carón das ruínas da francesada comecen a quedar de monte casas que noutrora tiveron lagar e patín de seu.

O abade de Vilar e do Couto

Mauricio Antonio Troncoso de Lira Soutomaior Saco Quiroga [Setados (As Neves), 1771-Santiago, 1817], líder da resistencia de Mourentán, foi abade –nome co que tradicionalmente se definía os curas con parroquia propia– do Vilar e do Couto nos tempos da francesada. De familia fidalga emparentada cos condes de Troncoso e cos duques de Soutomaior, foi o encargado pola resistencia ao francés de organizar a defensa en Mourentán.

A súa pericia militar converteuno, con 38 anos, nun destacado líder. Alén da defensa da ponte, estivo no sitio de Tui, onde recibiu o 18 de marzo do 1809 o título de xeneral dos Patriotas do Miño. Con parte do continxente de Mourentán e novos reforzos participou no ataque a Vigo e Compostela.

Unha vez rematada a invasión recibiu a medalla de honra das cidades que axudou a reconquistar e a Cruz de Carlos III, alén de ser nomeado cóengo na catedral compostelá. Morreu no 1817.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río