Representantes das nacións mediterráneas sen Estado
1 / 2
A segunda Conferencia Mediterránea de Nacións sen Estado, na que participaron representantes de Cataluña, Córsega, Sardeña e Sicilia, puxo de manifesto unha idea básica: a necesidade de renovar o discurso sobre a autodeterminación, un dereito recoñecido pola ONU pero só aplicábel a contextos moi determinados, como o colonial.
“Deberiamos deixar de reivindicar o dereito á autodeterminación e comezar a falar do principio democrático de construción dos Estados”, sinalou Héctor López Bofill, profesor de Dereito Constitucional da Universitat Pompeu Fabra. “Historicamente os Estados construíanse mediante as armas. O que tiña a forza militar creaba un Estado, anexionaba os territorios que podía, e logo os outros recoñecíanllo”, explicou. “Actualmente, a única vía é a vontade democrática dunha comunidade de constituírse en Estado”.
Así, o relator convidou os representantes dos pobos presentes na conferencia a abandonaren as tradicionais reivindicacións identitarias e a reclamar o dereito democrático a decidir. “Menos lingua, menos cultura, menos costumes, e máis Estado, para protexer todo o anterior”, dixo provocador, “se estamos en democracia, podemos decidir se queremos ou non un Estado”.
Bofill referiuse a dous casos recentes recoñecidos pola UE e pola comunidade internacional, a independencia de Montenegro e de Kosovo; a primeira, acadada no 2006 mediante referendo, e a segunda, no 2008 por vía parlamentaria. “A cuestión é ver como se aplican estes precedentes xurídicos na Europa occidental”, dixo. “Vaticino que, en canto xurda un novo Estado, seguiranlle uns cantos máis”.
En referencia ao caso español, Alfons López de Tena, presidente do Centre d’Estudis Sobiranistes, insistiu en que se hai unha maioría de votantes que quere crear un Estado, “non se pode impedir, diga o que diga a Constitución”. “Na Constitución francesa tampouco se contemplaba a independencia de Alxeria”, argumentou.
Así as cousas, os conferenciantes cataláns amosáronse convencidos de que a independencia das nacións sen Estado é posíbel xuridicamente na Europa de hoxe. Claro que para iso debe existir previamente unha vontade popular favorábel. E eu pregunto, existe?. Pois haberá que convocar un referendo para sabelo... E aceptar os resultados, sexan os que sexan.