Antonio Cendán . Coa aprobación da concesión dun creto de cen mil pesetas por parte da Deputación da Coruña, na sesión do 22 de xullo de 1958, dábanse os primeiros pasos para a recepción de imaxes televisivas en Galicia
Contodo, habían de pasar aínda máis de tres anos, concretamente até o primeiro de setembro de 1961, para que os galegos puidesen contemplar de xeito oficial a única canle de televisión existente naquel entón, case un lustro despois de que o fixese oficialmente nos estudos do madrileño Paseo da Habana. Tampouco a instalación dos primeiros reemisores, entre eles o da Bailadora ou o de Sobrado de Picato, erradicaron os problemas. Incluso se lles botou a culpa os instaladores de antenas televisivas, xa que se dicía que a meirande parte das mesmas estaban mal orientadas.
Paisaxe de antenas
Malia que a prensa da época criticaba as emisións audiovisuais, das que dicía que apenas espertaban interese entre a cidadanía, as novas referidas a televisión sucedíanse xa a cotío nos xornais, que non perdían oportunidade para dar conta de calquera circunstancia relacionada co novo medio de comunicación, que aínda se encontraba ao alcance económico de moi poucos e menos aínda da maioría dos galegos. Baste lembrar que un receptor de televisión custaba 16.000 pesetas, en tanto que o 95% dos salarios non acadaban as mil pesetas mensuais.
Da importancia que estaban a acadar as 625 liñas, daba conta o xornal compostelán El Correo Gallego, que na súa edición de 10 de agosto de 1958 informaba que nuns coñecidos establecementos comerciais da capital galega congregárase un abondoso número de público para contemplar emisións das televisións rexionais de Bremen, en Alemaña, e Porto, en Portugal, sendo esta a primeira vez que se ten conta da recepción de imaxes televisivas en Galicia.
Nun telediario de TVE, as nove da noite, do 1 de setembro de 1961, o presentador saudaba a audiencia galega que se incorporaba de xeito oficial a única canle existente. Pero a televisión víana aínda moi poucos galegos. Ás circunstancias económicas, engadíanse as estruturais.
O medio televisivo era moi incipiente e estaba pragado de dificultades de carácter técnico. Así xurden as denominadas “zonas de sombra”, que eran os lugares aos que a televisión chegaba con moitas dificultades, a consecuencia da orografía. Era un problema que xogaba moi malas pasadas nunha gran parte do territorio, principalmente nas zonas rurais nas que, a comezos dos sesenta, vivía máis do 80 por cento da poboación.
Descargar Tarifas