PUBLICIDADE
Venres, 08 de agosto de 2008
Con produtoras e revistas especializadas
A industria do porno medra en Galicia

Redacción .  A escena porno máis impactante do ano rodouse en Galicia. Un trío, con dúas rapazas e un mozo, practicaba sexo explícito na praza do Obradoiro, entre o pazo de Raxoi e a catedral. As imaxes voaron coma un foguete por internet e abríronse centos de foros para comentalas.

Reloxo 17.05.2008 | 07:34

Galicia erótica Galicia erótica

A secuencia semellaba unha montaxe, pero era unha rodaxe real, gravada ao abrigo da noite, e que se vai incluír nos “extras” do filme Esto es Benidorm, a primeira estrea da produtora Totó Films, unha empresa de Santiago que vén de iniciarse no sector.

Acontece que a industria do porno vén de agromar en Galicia. As cifras están aínda lonxe de Amsterdam e Barcelona, as capitais europeas do sector, pero, no último lustro, medran de tal xeito que xa hai unha produción regular de filmes e unha revista erótica consolidada.

Totó Films, a do sexo no Obradoiro, é a produtora de Totó García, un mozo de 24 anos, estudante de terceiro de Administración de Empresas na USC, que comezou traballando como actor porno para sacar uns cartos mentres facía a carreira. Agora, deu o paso para facerse empresario.

“Non quero ocultar que este traballo me divirte”, explica Totó, “a xente practica sexo por pracer e eu, ademais, saco uns cartos: É un negocio”. Cos coñecementos adquiridos na facultade, Totó montou primeiro unha páxina web, “pornoaburrirse.com”, na que exhibía as súas propias producións, xunto a actrices do xénero como Ina Cherry ou Lora Row, as dúas que o acompañaban diante da catedral.


O negocio funciona

Cada día, a páxina deste empresario galego do porno conta máis de 60 descargas, que se pagan con mensaxes do teléfono móbil. Ademais, está a piques de estrear a súa primeira película e pensa que a próxima sexa integramente en galego: “En Galicia, hai moita demanda pero pouca oferta de produción propia, así que queremos facer a primeira película X en lingua galega”. O título, Lingua galega, quizais algún día acade a celebridade de Deep throat, a Gorxa fonda que exhibía as habilidades lingüísticas de Linda Lovelace e que pasou á historia polo nome que os xornalistas Bernstein e Woodward deron ao seu confidente no caso Watergate.

O negocio é, desde logo, rendíbel. A produción porno move no mundo 60.000 millóns de dólares ao ano, segundo a revista AVN, a auténtica “biblia” do sector. No Estado español, calcúlase que a facturación se achega aos 470 millóns de euros... E unha parte do pastel quere quedar en Galicia.

O exemplo catalán

“O exemplo a seguir é Catalunya, a gran potencia do porno en Europa”, afirma Fernando Casqueira, director da revista Galicia Erótica, que se edita en Pontevedra, que vai polo número 104 e que ten unha tiraxe de 5.000 exemplares ao mes.

“Creamos a revista en 1999, para encher un baleiro histórico”, afirma Casqueira, “e o éxito é impresionante: estamos nos quioscos, vendemos, e mesmo temos o noso público en Asturias e no Norte de Portugal”.

Cada mes Galicia Erótica saca a súa moza de portada, ao mellor estilo do Playboy. A diferenza é que as “coelliñas” de Casqueira pousan espidas fronte a hórreos e palleiros, no campus da Universidade de Vigo, no faro de cabo Vilán ou na beira do río Lérez. “Gústame darlle un toque galego aos pousados”, explica o editor, “o noso público valora a proximidade e está xa farto de paisaxes tan imposíbeis como a silicona das modelos”. O próximo reto, para o número de verán, levará a rapaza de Galicia Erótica á Cidade da Cultura de Santiago, “que por fin terá unha boa utilidade, despois de tanto debate”, ironiza Casqueiro, que foi comercial publicitario en revistas e xornais até que fundou a súa propia publicación, desde logo pioneira, hai nove anos.

 

(Reportaxe completa na edición en papel de A Nosa Terra) 

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
© 2008 A Nosa Terra
Principe 24 - 1º. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago:
Preguntoiro, 9 - 1º esq. 15704 Compostela
Tel. 981 569 193 - 981 570 264

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Presidente: Miguel Barros Puente
Conselleiro-delegado: Afonso Eíré López

Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil