Xosé Manuel Eyré . Un fabricante de vidros veneciano, Pietro Puliani, quere usar os seus saberes de alquimista para captar a beleza ideal. Tensión e intrigas de palacio nunha volta ao século XV.
A venus de cristal O título que hoxe comentaremos foi finalista do Xerais. Detrás desta novela latexa unha chamada de atención a cerca da sobrevaloración que hoxe se lle presta á historia en detrimento dos valores estéticos da palabra escrita. As 140 páxinas do corpo d´A venus de Cristal, distribúense en 31 capítulos, de extensión moi parella, un epílogo, máis breve aínda, e unhas palabras preliminares da mesma índole. A novela de Chelo Suárez fai gala dunha tensión estilística que hoxe non é doada de atopar. No 2003, a editora Primerapersona daba á luz Flor de xiz, de Chelo Suárez Muíños, tamén recente gañadora do premio Narrativas Quentes (que convoca a editorial Positivas) con Os milagres de Cristamar, antes tamén asinara outros textos cos pseudónimos de Amara Orzania e Puliana Marful. Queremos precisamente chamar a atención sobre este dato. O protagomista central de A venus de cristal recibe significativamente o nome de Pietro Puliani. É unha maneira de salientar até que extremo a autora se camufla na súa personaxe, comparten apelativo e máis, tamén, moi importante, a ansia de atopar a beleza sublime: Pietro encerrándoa no vidro que con tanta destreza traballa e Chelo Suárez coas palabras sobre o papel. Como tampouco se debe desbotar o parecido entre cristal e Cristamar: mar (en Amara), Orzán (en Orazania), cristal fundido con mar: Cristamar. Son algo máis que coincidencias. En realidade esa ansia de atopar a beleza é unha constante desde aquela primeira novela de Chelo Suárez, o mesmo que o ton lírico e, naturalmente, unha preocupación polo estilo que a leva a ter moi presente a poesía, coidando moito o ritmo expositivo, o fraseo, e recuperando o valor da palabra (tamén connotativo, tamén sonoro). Como novela breve que é, que trate o tema da procura desesperada da beleza sublime non debe sorprender, calquera formato é válido. Se pensamos que puido ser concibida para concursos de verán de La Voz de Galicia, entón si que resulta raro, non é un tema moi agardábel. O certo é que non tardan en captar a atención do lector esas personaxes misteriosas. Pietro Puliani, vidreiro case alquimista, detrás da súa máscara, é o centro. Mergulladas en ambientes fastuosos; Venecia e Florencia de finais do XV. Coas súas sociedades palacianas repletas de intrigas, de luxo, de libertinaxe e de artistas. Tamén atrae o tema, con esa ambigüidade que o aproxima aos conceptos máxicos. E tamén o estilo, un sempre goza lendo algo ben escrito, por iso mesmo é capaz de perdoar certos “deslices”. En si, A venus de cristal é a formulación dun tema e despois, ou ben fuxida cara adiante ou ben recheo do que daría para un conto longo. Ou as dúas cousas á vez. E de aí, tamén, que, unha vez captada a atención do lector, a novela evolucione pouco na trama e mesmo esta se desvíe un chisco cando as intrigas pacegas, o dogo e todo o que o rodea, moi exótico, misterioso e atraente como un conto das Mil e unha noites, pero... Para comezar, habería que dicir que ese recheo salta á vista, faise moi evidente cando Pietro se traslada a Florencia, cando despide ao mensaxeiro e o “perde” no espazo e no tempo. Igual que o remate semella prolongado artificialmente, unha vez que Pietro logrou o que quería capturando o derradeiro suspiro vital de Simonetta Cattanei, a musa daquel tempo. A propósito, o tema é subxugante, mais, que facer unha vez que se atopou, que se capturou esa beleza sublime? Alén diso,e tendo plena xustificación ao tratarse dunha novela histórica, o feito da perspectiva populacheira, esa admiración per se e bobalicona que o pobo ten para os nobres, alén de tópica (e xustificada, xa dixemos) a verdade é que cansa. Como novela breve que é, o recurso ao resumo, á secuenciación ben estudada e ao fragmentarismo, son esperábeis, están presentes e o seu uso resulta tecnicamentente correcto. Porén, o discurso máis que narrado semella comentado. Isto provoca unha sensación de novela estática, excesivamente descritiva, que pexa a lectura, sobre todo porque condiciona que as personaxes se vexan caracterizadas a través dos seus actos. A todo isto debe ser engadido o feito de que os capituliños teñen remate pouco climático, quérese dicir que non chaman, non obrigan, non funcionan como desencadeante da necesidade de ler axiña o seguinte capítulo, o cal é requisito imprescindíbel no formato narrativo folletinesco –e desexábel en calquera tipo de novela, breve ou non. Do carácter folletinesco non se dá desfeito, nin co epílogo nin coas palabras preliminares. Visto o ben que Chelo Suárez trata a palabra, as dotes de narradora preocupada non só por contar senón por contar ben, quixeramos lela nalgún discurso menos condicionado, resolto con máis liberdade e máis tempo. Esta novela breve (lírica e máxica) encorsétaa demasiado e lémbranos decote que lle está poñendo cancelas.
Chelo Suárez.
Autora: Chelo Suárez.
Edita: Xerais.
Descargar Tarifas