Os altos prezos que están acadando os cereais que se empregan tanto para a alimentación humana como para o desenvolvemento dos chamados biocombustíbeis fan necesarias materias primas alternativas para estes últimos. Unha planta descoñecida para o público, pero da que se está comezando a falar moito nos círculos empresariais relacionadas coas novas enerxías é a Jatropha Carcus.
As sementes deste arbusto, que non poden ser consumidas por humanos debido á súa toxicidade, teñen un alto contido en aceite (arredor do 40 por cento). Esta planta é moi resistente, e pode adaptarse a unha ampla variedade de terreos, o que posibilita que se estendese fóra do seu hábitat natural, América Central.
No congreso celebrado en Madrid expuxéronse distintas experiencias de produción e investigación referidas a esta especie. Empresas de orixe alemana, inglesa, holandesa, colombiana e hindú explicaron os métodos de produción e comercialización da Jatropha Carcus. Incidiuse de xeito especial nos beneficios que pode traer para as comunidades locais onde se implanta este cultivo. Ademais de diversos países latinoamericanos, Mali, Mozambique e a India presentan potencialidades (polo territorio dispoñíbel para as plantacións) para desenvolver a industria derivada desta especie.