Redacción . Fran Rei, responsábel nacional da Mocidade pola Normalización Lingüística, e Monti Castiñeiras, da APRADOGA, entregaron esta mañá un escrito no que lle reclaman á Secretaría Xeral de Política Lingüística o cumprimento do Plan de Normalización Lingüística no tocante á dobraxe de fitas en galego.
Fran Rei, á dereita, de Queremos Galego
Esta mañá, o responsábel nacional da Mocidade pola Normalización Lingüística, Fran Rei, e máis Monti Castiñeiras, actor e dobrador membro da APRADOGA, Asociación de Profesionais da Rama Artística da Dobraxe en Galiza, entregaron un escrito no rexistro xeral da Xunta para reclamarlle á Secretaría Xeral de Política Lingüística o cumprimento do Plan Xeral de Normalización Lingüística no que atinxe á dobraxe de filmes en galego.
A petición coincide coa estrea da nova saga de Indiana Jones, Indiana Jones e o reino da caveira de cristal. A pasada semana, a Mesa pola Normalización Lingüística e máis APRADOGA denunciaron perante os medios que o galego está ausente nos cinemas por mor da “inoperancia” de Política Lingüística. Ambos os dous entes presentaron a pasada semana a campaña conxunta “Indiana Jones na Procura da Dobraxe Perdida” para facer público que malia que en Catalunya poden ver o filme en catalán, en Galiza non se poderá ver en galego “porque a Xunta nin tan sequera descolgou o teléfono para falar con Paramount”.
Descargar Tarifas