PUBLICIDADE
Sábado, 20 de marzo de 2010
Xa tocou con Los Carayos e Mano Negra
Manu Chao actúa na Coruña por terceira vez

Rodri Suárez O artista francés de orixe galega actúa o venres no Coliseum da Coruña, cidade na que xa estivo cos seus dous anteriores grupos, os rockabilly Los Carayos e os mestizos Mano Negra. Sempre foron concertos ante pouca xente, ao contrario do que ocorrerá nesta ocasión.

Reloxo 23.05.2008 | 07:56

Manu Chao Manu Chao

A xa coñecida, íntima e familiar relación de Manu Chao con Galiza vive estes días un novo episodio, coa pequena xira polo país coa que o artista da inicio á súa rolda mundial e que terá o seu momento galego máis multitudinario este venres, no Coliseum da Coruña, evento para o que apenas quedan xa localidades.

O concerto do venres tamén servirá para pechar un peculiar círculo: o que une a Manu Chao coa Coruña, a única cidade galega que poderá presumir de ter acollido recitais das tres versións oficiais do músico ao longo da súa carreira: co seu primeiro grupo importante Los Carayos, cos Mano Negra cos que alcanzou a fama mundial e, na actualidade, en solitario se ben acompañado pola Radio Bemba Soundsystem.

A súa primeira parada foi na segunda metade dos anos 80. Daquela, os concertos de grupos internacionais na Coruña eran unha absoluta rareza que só romperon Urian Heep, The Ramones (no mítico concerto que lanzou aos ourensáns Los Suaves), Inmaculate Fools e... Los Carayos. Sen dúbida, estes eran dos menos coñecidos e por iso tamén dos que levantaron menos expectación para o seu concerto, que se celebrou no Frontón de Riazor baixo o patrocinio da UIMP. De feito, moitos nin sequera sabían que viñan dende Francia, debido á clara referencia galega do nome do grupo. Iso de “carayos” ten explicación e por suposto ten que ver con “carallo”, posto que así é como, segundo di a lenda, se denominaba en París aos galegos levando ao seu acento o xiro popular de Galiza. Aquel era un grupo trepidante, de clara orientación rockabilly pero xa de amplas miras e cun aceno á música galega por medio do Aí vai, logo coñecido pola versión de Os Diplomáticos.

A segunda parada coruñesa de Manu Chao foi a poucos metros da primeira, no Playa Club do areal de Riazor. Alí ofreceu dous concertos cos mestizos e anfetamínicos Mano Negra en 1995, citas que non foron anunciadas máis que polo boca a boca para evitar problemas co aforo (moi limitado) pero que ateigaron a clásica sala herculina. Foi nesa visita cando Manu Chao conectou con maior profundidade coa xente da cidade, sobre todo do ámbito cultural bravú como Xurxo Souto, Xosé Manuel Pereiro ou Mercedes Peón. Durante aquela estancia participou na rodaxe do vídeo de Futbolín de Os Diplomáticos para o Club Xabarín, feita no futboleiro Bar Parrús, ao que regalou una bufanda do seu club preferido, o Olympique de Marsella. A cambio, levou unha do Dépor, ao que viu en directo aos dous días nun derbi contra o Compostela.

Despois chegarían varias visitas máis a Galiza (como o espectacular proxecto da Feira das Mentiras que organizou en Compostela) pero nunca volveu tocar na Coruña, malia o interese do Concello, aos que moitos acusaron de querer tenderlle unha trampa para facelo símbolo do conflito do topónimo a partir do inocente “Me gusta La Coruña” que pronuncia nun dos seus éxitos. Fuxiu daquilo pero agora volve á cidade. Á mesma cuxo escudo aparece entre os fetiches que adornan a contraportada do seu primeiro disco con Mano Negra.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río