Redacción . O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, celebrou o acto oficial do Día das Letras Galegas en Bos Aires, onde se xuntaron 5.000 persoas.
Na súa intervención, o xefe do Executivo galego trasladou aos membros da diáspora que a Galiza interior está orgullosa deles e do seu labor e concluíu que son "os mellores embaixadores no mundo". En concreto, fixo especial incidencia no plano cultural e destacou as múltiples experiencias neste ámbito levadas a cabo polos galegos en Arxentina cando en España non se podía. "Eles mesmos se constituíron en vangarda", aseveró Touriño, para quen foron vitais para o que hoxe é Galicia os vinte anos transcorridos entre a chegada de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao a Bos Aires, en 1940, e a celebración en 1960 do 150 aniversario da independencia arxentina, na que miles de galegos participaron nunha marcha pola Avenida de Maio. Así, chegou a asegurar que sen o esforzo destes galegos emigrados, a comunidade "non tivese futuro". "Non se viviu da morriña, viviuse do traballo e da esperanza por mellorar", resaltou o máximo mandatario autonómico, que marcou o seu discurso con referencias a ilustres artistas galegos que pasaron por Arxentina, como Lorenzo Varela, Luis Seoane, Eduardo Blanco Amor, Rafael Dieste ou o propio Castelao. Ademais, debuxou os emigrantes unha Galiza actual moderna e avanzada, na consecución da cal tiveron eles boa parte do mérito. Unha Galiza que, para Touriño, "é hoxe unha palabra respectada no mundo", vinculada ao Camiño de Santiago, á identidade europea, á paz e a democracia, ás praias e aos bosques, ás vacas e os peixes, á gastronomía e ao turismo. "Sodes vós a mellor carta de presentación de Galicia no mundo", resaltou Touriño, que na súa última parte de discurso se comprometeu a traballar duramente para que todos os galegos teñan os mesmos dereitos e oportunidades vivan onde vivan, comezando por intentar que os netos dos emigrados poidan acceder á nacionalidade española. Nesa liña, recordou así mesmo que o Parlamento galego aprobou por unanimidade unha iniciativa para reclamar ao Congreso que modifique a lei para que na emigración "se"poida votar como se vota en democracia, en urna, mediante voto directo e secreto", nunha afirmación que foi recibida con aplausos polos asistentes ao acto, ante os que comprometeuse a que os centros galegos non caerán no esquecemento nin a deterioración. Precisamente o presidente do Centro Galicia, Héctor Fernández, tamén interveu para subliñar que Galicia "sempre está onde está un galego" e concluír que en Bos Aires "tamén vive Galiza". No aspecto cultural, celebrou "o milagre" de contar cunha lingua propia que logrou superar os anos do franquismo e recordou que "moito tivo que ver con ese milagre a emigración", que "mantivo acendida a lapa".
Pérez Touriño, tras o Consello
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, asegurou que "sen os galegos de Arxentina, a cultura galega "perecería", segundo proclamou ante os 5.000 emigrantes que encheron o pavillón do Centro Galicia de Bos Aires para participar na conmemoración do Día dás Letras Galegas.
Descargar Tarifas