Redacción . A Mocidade pola Normalización Lingüística e a Asociación de Profesionais da Rama Artística da Dobraxe de Galiza, denuncian a 'situación calamitosa' do galego no cinema coa campaña 'Indiana Jones na procura da dobraxe prohibida'.
Unha imaxe da rodaxe da última entrega de Indiana Jones
O 22 de maio, cataláns e galegos poderán ver a estrea de Indiana Jones e o Reino da Caveira de Cristal. A diferenza é que os cataláns poderán facelo na súa lingua, mentres que os galegos terán que vela en español. Porén, a Mocidade pola Normalización Lingüística, sección xuvenil da Mesa, e APRADOGA, Asociación de Profesionais da Rama Artística da Dobraxe de Galiza presentaron a campaña “Indiana Jones na procura da dobraxe perdida”. A iniciativa, que comprende a distribución de tres mil carteis e sete mil adhesivos, insta os galegos a enviarlle correos electrónicos de protesta ao presidente da Xunta.
A Mocidade e máis APRADOGA consideran que a “situación calamitosa” da nosa lingua no cinema débese á Secretaría Xeral de Política Lingüística. Francisco Rei, responsábel da Mocidade, apunta que, no tocante ao cinema “podemos dicir que mesmo houbo un paso atrás” respecto o Goberno de Fraga. Rei asegura que “a situación é tan calamitosa que non chegamos nin ao 1 por cento de filmes estreados en galego nas salas comerciais”.
Só dous filmes en galego
O responsábel da Mocidade lembra que o Plan de Normalización Lingüística “recolle que, cando menos, deben dobrarse á nosa lingua dez filmes ao ano de entre os que presenten mellores expectativas comerciais”. Malia o que dita o plan, no que levamos de ano só se estreou un título en galego, Pradolongo, e A crise carnívora, unha cinta de animación.
Pola súa banda, Gaspar Somoza, secretario de APRADOGA, salienta que en Galiza “contamos cun dos mellores equipos técnicos para posprodución e dobraxe de todo o Estado, e un estupendo capital humano; o que fai falta é vontade”.
Descargar Tarifas