
Hai moitos anos que John Maynard Keynes descubriu que a mellor receita para saír a flote en épocas de crise, contrapunto e consecuencia das bacanais do liberalismo, é incrementar o gasto público, fundamentalmente en obra, para xerar máis emprego e estimular o mercado. Hai outros dous remedios, moito menos aconsellábeis, a selección natural, é dicir, non facer nada, salvo baixar os impostos, e que o mercado se encargue de eliminar os que menos teñen, permitindo só a supervivencia dos máis ricos; ou iniciar unha guerra, cousa que tamén incrementa a produción e o emprego, inmediatamente se é en territorio alleo ou na posguerra cando o campo de batalla é o propio país.
Seguindo o camiño axeitado, o presidente José Luis Rodríguez Zapatero anuncia unha partida de 8.000 millóns de euros de investimento público para crear directamente varios centos de miles de postos de traballo; cunha novidade importante, unha boa parte deses miles de millóns, que en pesetas resulta case imposíbel calcular, destinaranse directamente aos Concellos, á contratación de persoal municipal para a realización de diferentes obras.
Esta decisión supón descentralizar a axuda, transferindo os cartos a institucións gobernadas por partidos políticos de toda índole, é dicir, democracia, pluralismo e corresponsabilidade, e supón, sobre todo, axudar unha administración, a municipal, que é a menos financiada de todas, a que máis padece a crise, porque, como é sabido, unha boa parte dos seus ingresos proceden das licenzas urbanísticas e, pola contra, a que máis competencias, impropias case todas elas, asume pola proximidade aos veciños e veciñas e, polo tanto, á que estes lle demandan máis servizos, especialmente en épocas difíciles coma esta.
Fronte a esta decisión valente e acertada, escoito hoxe determinados popes do “tertulianismo” nacionalista e conservador criticar que os Concellos sexan os destinatarios deses cartos, uns dicindo que quedou xa demostrada a incompetencia absoluta dos Concellos como xestores, talvez porque só cren nun poder autonómico tan centralista como o estatal que critican, e os outros dicindo despectivamente que o plan se reduce a 8.000 millóns para “peonadas”, talvez porque o que lle gustaría sería, como xa se lles ten esacapado, gastar eses ou máis cartos en reducirlles os impostos aos máis poderosos economicamente, en lugar de que os Concellos poidamos contratar milleiros de persoas como peóns, que necesitan moito ese posto de traballo, para prestarlle un mellor servizo aos nosos veciños e veciñas, ou destinalos á Lei de Dependencia, á construción de obra pública... Eu digo bravo!
Descargar Tarifas