Redacción . O filme galego que xa percorreu todo o país cun enorme éxito de público, desprazando mesmo producións de Hollywood, chegou esta tarde a unha 'sala de proxección' moi especial: o Parlamento de Galiza.
"Hai agora perto de 30 anos, paralelamente ao nacemento do noso autogoberno, nacía tamén a ilusión dun puñado de apaixonados do cine de facer películas nosas e faladas na nosa lingua, o galego". Así iniciou a presidenta do Parlamento, Dolores Villarino, unha sesión moi especial que tivo lugar esta tarde no Parlamento. Non era un pleno, nin a xuntanza de comisión ningunha: as persoas que se xuntaron na sala fixérono para coñecer mellor un filme, galego e en galego, que está a bater todas as marcas de recadación, impóndose mesmo sobre as majors de Hollywood: o noso Pradolongo. Historias de noso e na nosa lingua
Desde a esquerda, Rubén Riós, Tamara Canosa e Roberto Porto
A presidenta citou tamén a un dos nosos cineastas: Chano Piñeiro non se equivocaba cando dicía "facer cine en Galiza é posíbel; facer cine en galego é necesario". Concretamente, no galego de Valdeorras, coas súas terminacións en -ois e o emprego de tu. Así falan Raquel, Martiño e Armando, ou o que é o mesmo, Tamara Canosa, Rubén Riós e Roberto Porto, que encarnan aos ters amigos enleados no triángulo amoroso protagonista. Tamén eles estiveron no Parlamento, así como o director do filme, Ignacio Vilar.
Tamara Canosa sinalou que o filme é "do máis valente que se fixo" en cinema: ninguén confiaba nas posibilidades de se converter en éxito comercial dun filme en galego. Pero a realidade deulle a razón ao proxecto: en canta sala foi exhibido, o filme arrasou, até o punto de superar a venda de entradas de moitas superproducións. Canosa tamén apuntou que en Compostela non puido ser estreada, xa que as dúas salas que existen, logo do peche dos Multicines Compostela, pertencen a multinacionais, e non lles interesa en absoluto a proxección de Pradolongo.
Pero o filme está rachando con todas as expectativas, o que demostra que o público de Galiza agarda novos produtos, e que alguén poña historias próximas de verdade na pantalla. Nese senso, o filme "abre unha fiestra", como indica Rubén Riós. Roberto Porto, pola súa banda, explicou o emocionante que foi para el a experiencia (foi escollido nun casting que se realizou entre o alumnado de varios institutos de Ourense e Lugo): "hai un ano sería imposíbel para min pensar en estar aquí. Teño 19 anos e fago 2º de Bacharelato: cando estaba nos institutos, dándolle promoción ao filme, estaba entre iguais. E entendo o que opinan moitos dos rapaces, porque antes de involucrarme neste proxecto, eu nunca iría ver unha película en galego".
A reacción de moita xente nova, en efecto, era de rexeitamento ao comezo. Pero, como explicou Tamara, unha vez que coñeceron o proxecto, espértanselles as ganas de ver o filme, mírano e mesmo recuncan. "Moitos deles saen do cine cantando 'No niño novo do vento', que é a banda sonora do filme", conta Canosa. O poema de Cunqueiro musicado por Luís Emilio Batallán foi regravado expresamente para este filme. As persoas asistentes tiñan présa por marcharen ao pleno que tiña lugar ás 17.00, pero quedaron de moi boa gana a ver a promoción do filme. Aquí a podemos ver:
Descargar Tarifas