Redacción . A cuarta edición do Festival de Jazz de Vigo, Imaxina Sons, contará en cartel con Enrico Rava, un dos máis destacados trompetistas europeos do momento, así como con Wayne Shorter, Barry Guy, Markus Stockhausen e Paco Charlín. A cita desenvolverase en diferentes espazos do concello entre o 26 de xuño e o 6 de xullo e reunirá, 25 anos despois da súa creación, aos membros de Clunia sobre o mesmo escenario.
Enrico Rava, un dos máis reputados trompetistas do momento, actuará en Vigo o vindeiro domingo 29 de xuño no auditorio Martín Códax, dentro do calendario de actuacións do Festival de Jazz de Vigo, Imaxina Sons, segundo anunciou o departamento de Cultura do propio concello. Enrico Rava, que comezou a súa andaina tocando o piano, destaca pola súa sensibilidade como compositor e por entroncar con habilidade o seu jazz con influencias musicais diversas que van dende a tradición italiano do canto ou o tango arxentino até o funk ou o rock. en Vigo presnetará The words and the days. O programa inclúe ademais mesas redondas, exposicións, conferencias, master-class, música na rúa e concertos nos que participarán, entre outros, Stefano Bollany, Paco Charlín, Tarela Grandín, Lucía Martínez, Maruca Trío, Marcelino Galán Zinco, Américo Rodrígues, Antonio Bravo, Javier Vercher e Giulia Valle Group.
Enrico Rava
Dentro do cartel da cuarta edición do festival vigués, que arranca baixo a dirección artística de Baldo Martínez, destaca tamén o concerto de Wayne Shorter que actuará no Centro Cultural Caixanova o domingo 29 de xuño arroupado polo seu cuarteto. Xunto a el tocarán Danilo Pérez ao piano, John Patitucci no contrabaixo e Brian Blade na batería.
O Centro cultural Caixanova acollerá outro dos concertos principais do festival que correrá a cargo de Clunia, unha das bandas veteranas da escena jazzística galega. 25 anos despois do seu nacemento, Baldo Marínez, Nani García, Roberto Somoza e Fernando Llorca reuniranse sobre o escenario o xoves 26 de xuño para festexar o aniversario da banda.
Descargar Tarifas