María Obelleiro . O uso do cánabo como terapia esténdese a Galiza por vez primeira a modo de ensaio clínico durante seis meses para avaliar os efectos que produce na dor e na rixidez derivada da esclerose múltipla.
A presentación das conclusións do programa piloto do departamento de Saúde da Generalitat, o primeiro promovido por unha Administración pública como resposta á demanda social a prol do uso da marihuana medicinal, reavivou a polémica sobre o uso do cánabo con fins terapéuticos. A eficacia do estudo favoreceu que as mulleres con cancro de mama en tratamento de quimioterapia que non respondan aos medicamentos contra os vómitos e as náuseas poidan ter acceso ao Sativex, fármaco derivado do cánabo que só está autorizado en Canadá. A Consellaría de Sanidade, que non fica á marxe do debate, vén de anunciar que o Hospital Clínico de Santiago comezará a experimentar en breve con derivados do cannabis en pacientes con esclerose múltipla. Fontes do Sergas apuntan que o ensaio clínico xa conta co informe positivo da Administración, “só falta que se reúna o comité para dar o visto bo formalmente”. Ensaios no Hospital Clínico de Santiago O neurólogo Xosé María Prieto, o encargado da administración do fármaco e do seguimento dos pacientes, explica que os derivados do cánabo aplicaranse en forma de spray por vía oral para tratar de mellorar a espasticidade dos enfermos de esclerose múltiple. Prieto sinala que o tratamento non ten máis efectos secundarios que outros medicamentos, “todos os fármacos os teñen, pero neste caso compensa o beneficio que aporta porque é ben tolerado e por vía oral redúcense os efectos secundarios que poidan darse”. En doses altas, os derivados da marihuana poden causar perdas de memoria ou dificultade para concentrarse, pero asegura que as doses “están moi ben calculadas e non existe risco de que se cree dependencia”. O doutor Prieto, que espera que se siga traballando cos derivados do cánabo noutras enfermidades, asegura que o consumo de marihuana é claramente prexudicial, sobre todo, a longo prazo. “O tratamento co que vamos traballar non consiste en fumar porros, nós usamos dous compoñentes do cánabo con propiedades terapéuticas”, apunta o neurólogo. Prieto asevera, “a marihuana como tal non se pode utilizar para aliviar ningunha enfermidade”. “O efecto pracenteiro que pode ocasionar non se pode xustificar á hora de consumir cannabis”, conclúe.
Planta de Cannabis
1 / 2
Descargar Tarifas