Se para indagar no significado desta nova verba quixeramos acudir á etimoloxía poderíamos afirmar que coñecemos -por experimentalo diariamente- o significado de Web; mais de Log pouco se sabería alén dos ámbitos nos que se emprega de forma intensiva: o da navegación (náutica, aérea) e o da administración de sistemas informáticos.
No caso da náutica o significado equivale ao que en galego chamamos bitácula: o lugar no que se gardaba a búsola e demais aparellos de navegación xunto co libro homónimo que recollía as desviacións do rumo e as incidencias máis notábeis da travesia. Á súa vez a verba bitácula procede doutra (habitaculu) que en latín significaba habitación ou morada.
Sendo pois que ao facer anotacións co obxecto de manter o rumo se sustancia ao tempo unha morada... cómo podería rexeitar este galego de terra adentro e fillo da emigración o convite que me fai a tripulación d'A Nosa Terra pra compartir con iles este tramo da súa singradura?
Fágase constar entón esta anotación na bitácula mítica desa nau como proba e sinal do meu enrolamento e que sirva para abrir a porta desta morada que só poderá ser minha en tanto que compartida cos vosos comentarios, e por tanto: nosa.
Descargar Tarifas