María Obelleiro . Nin Lugo, nin Compostela nin o Porriño. Desta vez, Carlos, Loli, Pili, Braulio, Sonia, Tatá e Chispa viaxan a Beijing para participar nos Xogos Olímpicos de Beijing canda os seus novos amigos Longhua, Qiangwa, Li e Zhong.
A familia máis coñecida da literatura infantil desprázase á capital chinesa da man de Edicións A Nosa Terra e da Consellaría de Cultura e Deporte. "Queremos poñer en coñecemento dos máis pequenos que Galiza estivo representada nos Xogos Olímpicos e Parolímpicos e que vai estar presente nos de Beijing", apunta Marta Souto, directora xeral para o Deporte. Souto sinala que os Bolechas foron elixidos como eixo central da campaña dirixida aos máis cativos porque "somos conscientes da pegada que os Bolechas deixan no público infantil, a meirande parte dos nenos galegos críanse con eles". Polo de agora, o éxito dos personaxes creados por Pepe Carreiro está a abranguer o ámbito deportivo. "Os mil libros que xa se publicaron e os almanaques tiveron unha acollida fenomenal", revela Souto. Tanto no almanaque que recolle as datas salientábeis dos Xogos como no póster no que se sinalan todos as modalidades nas que competirán os deportistas olímpicos, Carreiro evitou facer distincións entre Xogos Olímpicos e Parolímpicos, xa que "tanto un como o outro son deporte". Os Bolechas tamén dan a nota de cor as camisolas que promocionarán os xogos de Beijing.
Bolechas nos Xogos Olímpicos
Libros, almanaque, póster, camisolas. Os Bolechas van de viaxe. Os Xogos Olímpicos de Beijing narra as aventuras dos Bolechas na cita co deporte na capital de China. A finais de abril, dentro da colección "Os Bolechas queren saber", Edicións A Nosa Terra publicará unha nova entrega na que Pepe Carreiro daralles a coñecer os nenos "a historia dos Xogos antigos, os Xogos modernos e os deste verán".
Descargar Tarifas