Manuel Vilas . A Presidencia da Xunta presenta as traducións do Vista, XP e Office. O apoio a estas aplicacións privativas contraponse coa aposta da Consellería de Industria polas aplicacións libres, tal e como fixa o Plan do propio Goberno para a sociedade da información.
Dende o martes pódese descargar gratis paquetes para traducir o Windows Vista, Windows XP e dúas versións do Microsoft Office ao galego. A primeira hora do mércores o sitio web especial da campaña “Faille un clic ao galego” acumulaba unhas 400 descargas das traducións.
A presidenta de Microsoft Ibérica, Rosa María García, que asegurou que esta iniciativa forma parte da intención da empresa "de adaptar" os seus produtos a todos os idiomas, algo que espera que os seus competidores imiten porque "significará que eles tamén aceptan o galego como lingua cooficial".
A presidenta de Microsoft visitou onte Santiago para participar nunhas xornadas sobre tecnoloxías da información, nas que tamén participou o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño.
Dúas estratexias diferentes
O Plan Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI) establece o apoio da Xunta aos programas libres, que calquera pode modificar (ou traducir) e redistribuír. Malia que as aplicacións de Microsoft non son libres, seguen a contar co apoio explícito de varias consellerías, principalmente nas mans dos socialistas, como proba “Faille un clic ao galego”.
Mentres tanto, a Consellería de Innovación e Industria –promotora do PEGSI– está a investir unha importante cantidade de diñeiro nos programas abertos, competidores dos de Microsoft. Industria desenvolve aplicacións libres en galego a través de Mancomun.org e coa axuda dunha ampla comunidade de voluntarios do país.
Descargar Tarifas