PUBLICIDADE
Domingo, 21 de marzo de 2010
Tamar
Novas
Actor
Chikilicuatre for president
Entre as noticias destacadas desta semana atopamos que Zapatero gañou as eleccións. Que Rodolfo Chikilicuatre é a esperanza española para salvar Eurovisión. E tamén que o Barça deixa ó Madrid con máis posibilidades para gaña-la liga. ¿Que pensa a televisión de todo isto?
 11.03.2008 | 00:12

Presentábase coma un ano histórico para a democracia española, co primeiro debate televisado entre as dúas forzas políticas maioritarias, despois de quince anos. Seguimos con grande expectación a precampaña electoral. As televisións enfocaron os dous debates coma un partido entre Barça-Madrid. Previos espectaculares de grande dinamismo, tertulianos máis previsibles que Manolo Lama, e opinións tan confrontadas como as do AS e o diario Sport. Pero había unha diferencia notable co mundo do fútbol, que ninguén pode asegurarnos quen gañou. Ante esta dúbida xeral: que opine a audiencia.

Pero a opinión dos espectadores conta pouco para algúns medios. O único titular claro era o anuncio que fixo TVE: “Ganó La Primera”. Os votantes potenciais que non estamos afiliados a ningún partido, diciamos “ninguén nos convenceu”, aínda que nos guste máis Zapatero, ou nos horrorice demasiado o PP. Pero o discurso na rúa da maioría moderada, que ás veces semella non estar representada no eido político, era de decepción, tralo debate. O enfrontamento televisivo non servira para nada, fora como un partido Barça-Madrid sen goles nin chispa. Gañaron as televisións.

E chegan os resultados electorais. Mesma situación que o ano pasado, mesma diferencia entre PSOE e PP, pero esta vez con 5 escanos máis cada un. Zapatero gobernará outra vez con máis apoio, e o PP repetirá a súa oposición con maior lexitimidade popular. ¿Que opina a audiencia? ¿Podemos estar contentos?

Os que se mostran contentos nas súas respectivas sedes en Madrid, son Zapatero e Rajoy que, fronte a decenas de hooligans da política, que celebran con bandeiras como as peñas de fútbol a súa victoria (como é lóxico...); se declaran gañadores. Era previsible este discurso triunfalista, tanto no partido do presidente Zapatero, como no PP. Está claro que gañou o PSOE, pero o PP tamén gañou apoio. ¿Como é posible que gañen os dous? Por primeira vez, entendo que ambos partidos se declaren vencedores, en maior ou menor medida.

Teño a sensación de que a precampaña deste ano fixo esquecer a moita xente que na política non hai Barça e Madrid, que hai máis. O debate televisivo non aclarou o voto, seguramente, pero conseguiu facernos pensar en branco e negro, ou branco e azulgrana. Non son capaz de asumir que España estea dividida, tan claramente, entre sociatas e peperos, que haxa tan pouca pluralidade política. Non son capaz de asumir que isto sexa cada vez máis parecido ó que acontece nos EEUU.

As televisións conseguiron este ano incrementar o interese da audiencia en torno á política, convertíndoa en espectáculo (ou simplemente querían conseguir audiencia, e a política pouco importa). O que non sabemos é se a política seguirá interesando, como os Barça-Madrid (que tamén precisan ser promocionados), ou se acabará como Eurovisión. Se ocorre isto último, sería perigoso que a alguén se lle ocorrera crear, e promocionar, un partido friki que consiga que sigamos interesados en votar, salvando así a democracia parlamentaria. ¿Imaxinan? Vota Chiki Chiki, Chikilicuatre for president.


 
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río