PUBLICIDADE
Sábado, 20 de marzo de 2010
O Alonso Ríos docente
'Educación e desenvolvemento económico, para Alonso Ríos, debían ir asociados'

Lara Rozados Abordamos agora a faceta pedagóxica do traballo de Antón Alonso Ríos, da man de Xosé Manuel Malheiro.

Reloxo 03.03.2008 | 10:06

Á relevancia política da figura de Antón Alonso Ríos, fuxido durante anos como o "Siñor Afranio", hai que engadirlle o seu importante labor no campo do ensino. As súas ideas innovadoras e novas propostas pedagóxicas foron estudadas polo profesor de Teoría da Educación, Historia da Educación e Pedagoxía Social na USC Xosé Manuel Malheiro Gutiérrez, quen tamén é membro de Nova Escola Galega. ANT Diario falou con el sobre o proxecto educativo de Alonso Ríos.

Cal é o papel da educación no proxecto político e social de Alonso Ríos?

Representaba un instrumento fundamental para a emancipación sociopolítica das clases populares. Comezando na escola primaria, pero había continuar até a Universidade, pois o progreso económico dependía, en grande medida, dos plans de investigación xerados nas institucións académicas de ensino superior. Era partidario de modernizar as vellas universidades e incorporar ao seu vocabulario o concepto, daquela moderno, de cultura científica.

Cal é a situación de partida para a pedagoxía no seu tempo? Que antecedentes viñan da educación durante a República?

A Segunda República realizou inxentes esforzos por modernizar o sistema educativo herdado da etapa anterior, que se caracterizaba polo abandono de responsabilidades por parte da Administración, como a falta de locais adecuados, a escaseza de cadros docentes cualificados ou a ausencia de métodos e de recursos materiais. Ditas carencias provocaban un baixo rendemento académico e altas taxas de analfabetismo.

En que contexto educa Alonso Ríos e cales son as dificultades?

Alonso Ríos exerce en Tomiño, nun contexto precario caracterizado polos problemas que xeneraba o absentismo escolar, a desidia administrativa, o desenvolvemento de planos de estudos e modelos de organización completamente alleos á realidade galega, o que tamén acontecía con boa parte do profesorado.

Preguntábase en 1927 onde estaban as escolas para atender aos 15.000 cegos e 10.000 xordos que había no conxunto do Estado. Onde as 2.500 escolas auxiliares para acoller os nenos deficientes; onde as escolas nocturnas para obreiros, como as que existían noutros países de Europa.

Ante o analfabetismo de boa parte da poboación, loita pola educación popular e universal. Cales son as súas propostas?

Antes que nada, xeralizar a educación para que deixase de ser un privilexio. Ademais, erradicar o sistema unitario, que cualificaba de "monstruosidade pedagóxica", atallar a masificación debido á escaseza de centros, aplicar o método intuitivo posibilitando o contacto coa realidade viva do contorno; e aplicar un modelo escolar propio, pois como afirmaba con certa amargura, "temos mestres exóticos, idioma exótico, material exótico. Nas nosas escolas rurais todo está disposto para a incomprensión".

Ten falado tamén sobre a influencia do clero na escola. Como contemplaba el esta situación?

Alonso Ríos era un anticlerical. Rexeitaba con firmeza a intervención relixiosa no sistema educativo. A educación debía ser aconfesional, e permanecer fóra do control das congregacións relixiosas, ao seu xuízo, "destinadas a reforzar os resortes de dominación do Estado someténdoo ás mesmas conciencias, destacándose nesta tarefa de submisión, de servidume, de anulación das forzas creadoras e dignificadoras dea vida social", como deixou escrito en El Despertar Gallego, xornal do que foi director en Bos Aires, entre 1922 e 1930.

Fala, nalgún momento, da "pedagoxía ilóxica do mestre cando chega á escola de aldea". Que acontecía no ámbito rural e como lles influía aos rapaces o ensino?

Para Alonso Ríos, a meirande parte do profesorado da época non chegaba a acadar a preparación pedagóxica necesaria, especialmente nos hábitos de investigación e a práctica do ensino. Nas escolas normais priorizábase a adquisición de coñecementos sobre a aptitude docente. Por outro lado, afirmaba que unha das cualidades do mestre rural debía ser o voluntarismo, pois dada a escaseza de medios e recursos, só aquel profesor que amosase interese por propia iniciativa lograría algún éxito no seu labor, seguindo o espírito das Misións Pedagóxicas. Consideraba, tamén, que a pedagoxía moderna esixía un profundo coñecemento da psicoloxía para atender de xeito eficaz as diferentes problemáticas do alumnado.

Outra das preocupacións de Alonso Ríos é o agro. Como fai que interactúen educación e agricultura?

Educación e desenvolvemento económico son dous termos que a xuízo de Alonso Ríos debían ir asociados. Para que Galiza puidese explotar todo o seu potencial, desde unha perspectiva moderna e racional, antes debía obrar unha profunda transformación na mentalidade do seu elemento produtivo: era necesaria a educación e capacitación do home do campo. Unha transformación que debía comezar na escola. Para darlle ao futuro agricultor un status profesional compría desenvolver un sistema de ensino fundamentado na práctica desde formulacións técnicas e científicas, como xa acontecía noutros países de Europa e de América.

El impartiu clases en escolas financiadas dende a emigración. Cal foi o peso da comunidade emigrante na construción de escolas, no labor pedagóxico en Galiza?

Foi director, en Tomiño das escolas da sociedade "Aurora del Porvenir", sostidas desde Río de Janeiro. A meirande parte daquelas escolas foron creadas mediante sociedades de instrución. Este movemento significou un instrumento eficaz para o acopio de recursos materiais e promoción de iniciativas novidosas, cando non "revolucionarias", cara ao seu transvasamento a Galiza. Estamos a falar de case 500 sociedades de emigrantes. Non todas chegaron a construir escolas, pero no seu conxunto pasaron de 300 as aulas de ensino primario, que se espallaron pola xeografía galega até 1936. Quizais o valor mais salientábel foi a acción preventiva: educar naquel presente inzado de precariedade para evitar o fracaso ou a marxinación posterior que conducía, inevitabelmente, á miseria ou á emigración. Cumpría rachar o círculo e proporcionar futuro na propia terra. Alonso Ríos logrou fundar a Federación de Sociedades Gallegas na emigración que, entre outros fins, tiña o de crear unha rede de escolas que traballasen de xeito coordinado, asesoradas pola Institución Libre de Ensinanza, a prol da modernización e desenvolvemento da sociedade galega. Todo rematou, como digo, logo do golpe de estado do 18 de xullo de 1936.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río