
É certo que a Gala celebrada hai unhas semanas non foi acompañada por grandes resultados de audiencia. Non sabemos se é que resultou aburrida para o público, se foi o baixo interese que para algúns tiveron os filmes españois deste ano (ningún Torrente, ningún Almodóvar...), ou se é que Corbacho resulta insoportable... O que está claro, é que os premiados non tiveron a culpa. Moitas veces dise que a audiencia non soporta a gala por mor dos agradecementos dos gañadores. O desfase de emisión permite agora que a realización do acto suprima os discursos que considere excesivos. Aínda así, ¿valeron a pena os premios?
Pagou a pena ver a Maribel Verdú recibir un premio que, como moitos din, "merecía" dende hai tempo. Aínda que eu estaba convencido que a actriz protagonista gañadora sería Blanca Portillo (para outros, Belén Rueda). Alberto San Juan pediu a disolución "desa cousa chamada Conferencia Episcopal", entre aplausos do respetable. Alfredo Landa non sabía que dicir no seu discurso polo Goya honorífico. Gracia Querejeta recolleu o premio de Amparo Baró, á actriz de reparto. José Manuel Cervino impúxose nunha das categorías máis disputadas (tanto, que había cinco nominados), como actor de reparto en Las trece rosas. Os “revelados” foron Manuela Velasco, por Rec, e José Luis Torrijo, por La soledad.
El orfanato levou sete premios; Las trece rosas, catro; La soledad, tres; Rec, Bajo las estrellas e Siete mesas de billar francés, quedaron con dous galardóns. A película de Garci, Luz de domingo, e Mataharis, de Icíar Bollaín, de baleiro.
Se temos en conta o impacto e consecuencias destes premios , agora que xa temos máis perspectiva, La soledad, e o cine español, foron os grandes beneficiados. Descoñezo datos precisos sobre recadacións de taquilla, pero que a película de Jaime Rosales volva ás pantallas é unha grande satisfacción. La soledad, película triunfadora dos Goya deste ano, comparte cartel coas que acaban de ser “oscarizadas”, e con outras que arrasan na taquilla mundial. A película de Rosales ten un título que exemplifica moi ben a situación do cine español neste período, no que Globos de Ouro, Oscars, Baftas, etc, relativizan a importancia dos nosos premios.
Como dicía Daniel Sánchez Arévalo hai uns días, debería deixar de apelarse á nacionalidade do cine, aínda que isto semella difícil, senón imposible. Haberá que agardar moito para que a xente deixe de dicir que o “cine español” é malo. Mentres tanto, vexamos American Gangster, La soledad, Ladrón de bicicletas (que recomendou Jaime Rosales nos Goya), Azuloscurocasinegro, ou No country for old men. Se pensamos en “películas” e desconfiamos das megaestreas de Hollywood (chámese Spiderman), ó mellor coincide que vemos cine español de calidade, sen querer.
Descargar Tarifas