PUBLICIDADE
Domingo, 21 de marzo de 2010
A lembranza de Antón Alonso Ríos
'A lei non entende a problemática dos que fuxiron da represión'

Lara Rozados A día de hoxe, aínda hai moita xente a loitar polo recoñecemento da figura de Antón Alonso Ríos. A súa filla maior, Oliva, aínda non foi recoñecida como 'nena da guerra'.

Reloxo 15.02.2008 | 12:10

Antón Alonso Ríos Antón Alonso Ríos

Antón Hipólito Alonso Ríos era un mestre de ideas avanzadas, nacionalista, republicano, agrarista, defensor do pensamento e da educación, un "idealista", como moitos o lembran, sempre fiel aos seus principios, fose como docente, escribindo na prensa ou na súa actividade política, tanto en Galiza como no exilio. Presidiu o Consello de Galiza en Bos Aires, e loitou polo Estatuto de Autonomía.

Afranio de Amaral era unha identidade nada da inventiva deste home, un pobre de pedir que chegou dende Portugal a Galiza, que traballou nas colleitas ou serviu nas casas para sobrevivir mentres o dono deste disfraz identitario loitaba por fuxir dun país que estaba a ser brutalmente reprimido polo fascismo, até que conseguiu, finalmente, escapar a Portugal, de alí a Marrocos, e de alí á Arxentina.

Hoxe, o nome do Siñor Afranio bautiza a unha asociación que loita pola recuperación da memoria histórica, pero Antón Alonso Ríos non ten aínda ningunha rúa co seu nome na vila de Tomiño, onde viviu, nin a súa filla, Oliva, o recoñecemento de "nena da guerra". Foi a maior dos seus catro fillos. Logo viñeron Chambor (nome dun monte da serra do Candán), Ombú (un fermoso fitónimo americano) e Celta.

"Os nenos da guerra non teñen papeis"

"Como lle fas entender a un Ministerio que os nenos da guerra non teñen papeis?", quéixase Sandra González, alcaldesa de Tomiño, inmersa na loita polo recoñecemento desta figura. Era preciso un documento que acreditase que Oliva, ou "Vuca", como era chamada cariñosamente, entrara en Bos Aires. Pero cando esa entrada se produciu na clandestinidade, non é tarefa doada.

Xulia Carballo, sobriña neta de Alonso Ríos (filla dunha irmá), sempre mantivo contacto con "Vuca" e coa súa filla, Graciela. Non chegou a coñecer persoalmente ao seu tío avó, pero sabe del grazas ao contacto con Vuca. "Ela estivo sempre moito máis en contacto con España. Lóxico, se temos en conta que marchou de aquí sendo xa unha mociña. Os irmáns máis pequenos lembran algunha cousa, como Celta, a máis cativa, que ten un recordo de como os fascistas entraron na escola, pero non deixa de ser unha lembranza moi borrosa, porque se cadra tiña catro anos".

Amais, Antón Alonso Ríos tampouco lles contaba aos seus netos a súa traxectoria política. "El era moi neneiro, estaba moito con eles, pero non lles falaba da súa historia". Pola contra, Vuca medrou inmersa en todo aquel proceso de reconstrución de Galiza que abrollaba en Bos Aires. "Ela pensaba que todos coñeceramos a Castelao, porque para era ela natural: era amigo de seu pai".

"Un personaxe olvidado"

Xulia salienta que ultimamente si que hai moitas persoas que se esforzan por recuperar a súa memoria, sexa dende o ámbito académico, con estudos ou teses, ou dende o social, ao creárense colectivos co seu nome. Con todo, insiste en que aínda está por recoñecerse tanto a súa imaxe política como o valor do seu libro (O Siñor Afranio, ou como me rispéi das gadoupas da morte, a última edición en A Nosa Terra, na colección O Fardel da memoria).

"É unha historia marabillosa, que amais conta unha Galiza que está case desaparecida". Xulia conta como falaron con Vuca dos dereitos do libro, para faceren un filme, mais ela non quixo que se fixese. "Tiña medo de que saíse unha imaxe non axeitada de seu pai, como xa lle pasara algunha vez". Con todo, para ela é máis importante o verdadeiro coñecemento cá homenaxe: "pórlle o seu nome ás rúas non é tan importante como dar a coñecer o seu traballo, as súas ideas políticas".

O recoñecemento que non chega

Un caso particularmente doloroso é o de Vuca: "faille moitísima ilusión que se lle recoñeza o dereito á pensión para os nenos da guerra, mais ca nada, que recoñezan o sufrimento, o martirio polo que pasou. É importantísimo o recoñecemento da dor, pero nestes casos chocas coa Administración". Esixíronlles unha proba física, documental, de que Oliva nacera en España. "A lei non entende a problemática destes casos. Deben pensar que os nenos da guerra ían todos nun barco e estaban rexistrados nun listado, pero non é así, tiñan que fuxir". Pedíanlles un documento que certificase a saída dun país ou a entrada noutro.

Evidentemente, de saída non podía habelo cando se fuxiu na clandestinidade. Un cónsul da Arxentina en Vilagarcía, amigo da familia, facilitoulles pasaportes falsos, en que os nomes eran os mesmos, pero a nacionalidade de todos era a arxentina. "Ao Ministerio dáballe igual a figura de Alonso Ríos, sabían que era seu pai e que era un fuxido, pero querían probas". E, logo de moitísimo esforzo, conseguíronas: "fomos a polos documentos de entrada na Arxentina, pero fracasabamos. Non sabiamos en que barco nin con que data marcharan para Bos Aires. Foron dous bolseiros da universidade, dous arquiveiros, a remexer na documentación, porque tampouco son datos accesíbeis a calquera persoa, tes que ter relación co mundo da investigación. Pero eles buscaban o rexistro de españois, non sabían que tiñan nacionalidade arxentina, claro".

Finalmente, nunha viaxe de persoal investigador e mais da Consellaría de Emigración, apareceu a folla do barco. Xulia emociónase cando conta a realidade que transmiten os datos recollidos por ese documento: "Oliva (nai) saíu de España cos seus tres fillos, e o resto da tripulación eran tamén nais con fillos. Familias enteiras fuxindo. Amais, é curioso como se lles preguntaba se sabían ler e escribir, e ves que a maioría non sabía, eles estaban entre os poucos privilexiados porque seu pai era mestre".

Agora, logo de interpor Vuca un recurso de alzada e, dende España, achegaren esta documentación, que xa foi recoñecida como válida, teñen que agardar seis meses por unha resposta do Ministerio. "Moita xente fixo posíbel, co seu esforzo, que se desen estes pasos. Se non se preocupasen, se non houbese tanto apoio pola súa parte, non se avanzaría". Agora, agardan por unha resposta que lle faga xustiza á Historia.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río