Celébrase a Gala dos Premios Goya. Acontecemento polémico, como tódalas galas; decisións inxustas, cuestionadas, como con todo galardón; ¿de pouca importancia? Parece que non. Os curtametraxistas non queren perder o seu cabezón de bronce.¿Necesita o cine español estes premios?
Estatuta dos Goya. rinconcitodecine
Hai unhas semanas, a Academia das Artes e das Ciencias Cinematográficas de España, organismo de excelso nome pero de mediano prestixio para algúns, tomaba unha decisión, que ben podería pasar inadvertida, se asumimos que o cine español "é un coñazo que non interesa a ninguén". A curtametraxe, ese xénero tan de moda, tan fantástico, tan banalizado, tan democrático..., non estaría representado nesa Gala que tan pouco interesa ós artistas que din rexeitar premios. ¿E que? ¿Alguén vai protestar? Pois si. Os realizadores de curtametraxes demostraron que non queren estar á marxe da Academia, non queren desligarse do vixente organismo que ten o cine español para autoavaliarse. ¿Suprimir a candidatura das curtas?
Aquí hai que facer un inciso. A Academia, como ben se esforzou en explicar, non quería suprimir nada. Simplemente, en base a que hai que facer unha gala máis lixeira (cuestión que semella ás veces sinxela, e ás veces imposible, sobre todo para o/s director/es do evento), e para darlle importancia a outro acontecemento que pasa sempre inadvertido, como é a Gala dos Nominados, decidían entregar os premios para curtas durante este encontro anterior á gran festa do cine español, televisada ano tras ano. Pero os realizadores de curtas dixeron NON. Eles queren estar nas butacas cos maiores, vestidos de etiqueta, diante das cámaras agradecendo premios ás suas familias, e soportando se fai falla, que a un lle baixen o micrófono en pleno minuto de gloria.
Son dos que pensan que os premios, ademáis de facer feliz por un día a alguén, materializar nunha cabeza de bronce, ou nun delfín de madeira (por non falar do pedrolo dos Chano Piñeiro), desatan moitas veces o peor dun profesional, o menos artístico dun artista; a competitividade, envexa e a busca de recoñecemento que un mesmo non se ten co seu propio traballo. O que é evidente é que se os premios existen é porque a alguén importante (productor, productoras, profesionais, publicistas...) lle interesan. Os premios prestixian ós traballos, ós traballadores... (con algunhas excepcións. En Galicia, por exemplo, gústanos que veña xente a prestixiar os nosos premios, ademáis de premiarnos tamén entre nós...)
O caso é que os Goya son importantes, polo menos para os curtametraxistas. Estes días falarase do aburrida que foi a Gala, de que nos temos que parecer máis ós ianquis (aínda que alí tamén teñen problemas coa organización dos Óscars para que sexan áxiles, por non falar da crise cos guionistas que nos deixou sen ver a Javier Bardem recibir o Globo de Ouro). Falarase de que Corbacho é un personaxe zafio que non fai graza (a min pouca graza me fai, pero o tío ahí está, será por algo ¿non?), etc etc. A pesar de todo isto, resulta alentador que un grupo de creadores emerxentes, que veñen do mundo da curtametraxe, loiten por uns premios e unha presencia nunha institución que encarna ó chamado Cine Español (apelativo que non beneficia nada, normalmente úsase para falar mal). Se os Goya son importantes para eles é que confían en que lles poden reportar satisfacción. O Cine español, co entusiasmo dos directores dos que falo, pode dar máis satisfaccións ós cinéfilos. Oxalá tódolos productores fosen cinéfilos. Oxalá confíen nos novos-directores-novos, e en todos eses profesionais que, como algúns din, "están detrás" (aínda que están por todas partes), no traballo que fan os excelentes actores e actrices que hai neste país (Bardem vai gañar o Oscar!!!). Oxalá confiasen en que poden gañar diñeiro coas boas historias, coas historias que, ás veces, tamén son premiadas por premios que non interesan.
Tiña pensado facer quiniela para os Goya, pero despois deste momento tan lírico en torno ó cine español, ocórreseme un pronóstico pedante: "que gañe o cine".