E. P . Schutz non descarta presentar unha protesta formal ante o Goberno español por non pronunciarse contra a posición dos nacionalistas galegos.
O embaixador israelí en Madrid, Raphael Schutz, indicou hoxe que non descarta presentar unha protesta formal ante o Goberno español despois de que o Executivo non se pronunciara publicamente respecto á posición adoptada polo BNG acerca da falida declaración institucional do Parlamento galego contra o Holocausto.
Os feitos aconteceron durante a pasada Deputación Permanente da Cámara autonómica, á que o Bloque levou un texto de condena do nazismo, aproveitando que se conmemoraba por esas datas o aniversario do Holocausto. Nel, tamén se denunciaba a actual situación na Franxa de Gaza. Non obstante, nin PPdeG nin PSdeG apoiaron o texto, polo que, finalmente, non se impulsou ningunha declaración ao respecto.
Segundo explicou o embaixador, transmitiu o seu "malestar" polo acontecido a través de diversas canles pero dado que polo momento non se produciu ningunha declaración pública do Goberno condenando a postura do BNG que, subliñou "é socio de goberno do PSOE en Galicia" non descartou presentar "unha protesta formal" ante o Executivo de José Luis Rodríguez Zapatero.
Ultradereitistas
En opinión de Schutz, "non existe actualmente en Europa outro partido que rexeite o Holocausto" polo que o Goberno "non debería deixar pasar" o caso e pronunciarse ao respecto, como aconteceu no pasado en Europa cos ultradereitistas Joerg Haider e Jean-Marie Le Pen.
Descargar Tarifas