Manuel Vilas . O salto de Suarna ocuparía espazo protexido pola Rede Natura. Municipios, veciños e ecoloxistas levan medio século de oposición a un proxecto que agora rexorde ao fío dunha declaración do Ministerio de Medio Ambiente.
O Ministerio de Medio Ambiente acaba de autorizar o primeiro paso para a construción dun novo encoro no río Suarna, na Fonsagrada, aproveitando unha autorización concedida en pleno franquismo, en 1952. Trátase da Declaración de Impacto Ambiental a prol dun proxecto da Sociedad Saltos de Navia CB . Produciría case 150 megawatios e ocuparía 1.065 metros cadrados na fronteira entre Lugo e Asturias. Parte do espazo inundado estaría nun Lugar de Importancia Comunitaria da Rede Natura. Municipios en contra Os dous concellos afectados, A Fonsagrada e Navia de Suarna, con alcaldes do PSOE, xa se pronunciaron en contra. Tamén o ecoloxismo leva anos de mobilizacións en contra. Na pasada lexislatura, o bipartito prometeu mediar co Estado para que non atendese ás demandas da eléctrica. Porén, o Goberno Central dá agora o primeiro paso para facer efectiva a construción dunha central na marxe esquerda do río Suarna. A concesión inicial nace en 1951, pero foi modificada en 1963 e 1975. As protestas populares lograron paralizar un dos encoros máis grandes do Estado. Posteriormente a concesionaria dividiu o encoro en dúas partes, unha das cales, a de Suarna, pretende sacar adiante agora. Un río encorado xa ao 40 por cento Ecoloxistas, municipios e Xunta están agora en prazo de alegar de novo contra o novo encoro na conca do Navia. Este río xa soporta tres presas e catro centrais hidroléctricas. Isto supón que está encorado o 40 por cento do cauce, uns 45 quilómetros. Os socios da promotora son as dúas poderosas eléctricas, Hidrocantábrico e Enel Viesgo, que xa operan outras presas máis abaixo da Fonsagrada.
Mapa onde se pretende situar o Salto de Suarna na conca da Navia
Descargar Tarifas