Europa Press . A vicepresidenta segunda do Goberno e ministra de Economía e Facenda, Helena Salgado, pediulle ao Grupo Parlamentario de Senadores Nacionalista (GPSN) que separe o recurso que presentou o Executivo central contra varios preceptos da Lei de Caixas de Galiza do eventual proceso de fusión entre as entidades da comunidade.
Así o puxo de manifesto Salgado na sesión de control ao Goberno no Senado en resposta á pregunta do senador Xosé Manuel Pérez Bouza, quen asegurou que a maior parte dos cidadáns galegos non entende que o Executivo presente ese recurso. "O recurso preséntase contra unha Lei que ao noso entender non respecta a distribución de competencias entre o Estado e as comunidades autónomas", sinalou Salgado, quen confiou en que o grupo parlamentario non estea atribuíndo "intencionalidade política" ao Consello de Estado, que apoiou "punto por punto" todas as formulacións do Goberno. Ao seu parecer, existen "visos de inconstitucionalidade" en polo menos dez preceptos da norma galega, como o que afecta á solvencia das entidades por tratarse dun tema "absolutamente serio" do que se encarga “unicamente” o Banco de España con normas "idénticas" a todas as entidades. Do mesmo xeito, referiuse a outros supostos como o que ten que ver coa intromisión na independencia das caixas e a súa xestión autónoma ao incidir nas decisións organizativas, así como naqueles relacionados cun posíbel incumprimento na proporcionalidade da asignación de representantes da Asemblea ao non respectar as maiorías necesarias. Ademais, recordou que o Goberno estatal tamén presentou outros recursos, o último á Lei de Caixas da Comunidade de Madrid, que acabou modificando a súa norma. "Ten aí unha vía interesante para actuar", sinalou Salgado. Pola súa banda, Bouza considerou que, coa presentación deste recurso, o Goberno esconde a intención de impedir a creación dunha caixa galega, como resultado da integración das dúas actuais (Caixa Galicia e Caixanova), que permita a todos os galegos un instrumento "propio, solvente e forte". "Ante a evidencia do inxusto e arbitrario deste recurso, pido que consideren que aínda están a tempo de retiralo", engadiu.
Helena Salgado, ministra de Economía e Facenda.
Descargar Tarifas