Europa Press . O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, critica con dureza no Parlamento o 'non a todo' que a Xunta recibiu do Goberno central na última reunión da Comisión Bilateral. A oposición considera 'patéticas' as queixas do Goberno da Xunta e reclama a reforma do Estatuto, tal e como aconsellou o Executivo estatal.
Segundo aseverou Rueda no pleno do Parlamento, onde compareceu para informar dos resultados do encontro que mantivo en Madrid a Comisión Bilateral Xunta-Estado o pasado martes, o propio ministro de Política Territorial, Manuel Chaves, admitiu que a negativa estatal a transferir a Galiza novas competencias responde a 'criterios políticos'. "Eu pregunteillo e deixou claro que é unha postura política, que o Goberno actúa así por formulacións políticas; e se hai actas, que supoño que si, recollerano", asegurou. Na súa intervención, o conselleiro denunciou a "absoluta cerrazón" do Executivo que preside José Luís Rodríguez Zapatero, ao que acusa de "xogar ao descoido" con Galiza do mesmo xeito que Chaves e a vicepresidenta María Teresa Fernández de la Vega, e culpouno do "fracaso estrepitoso" no que se traduciu un encontro ao que a delegación galega acudía coa intención de negociar un paquete de 17 competencias. "A resposta foi non a todo, prazos e compromisos; o único avance produciuse respecto ao traspaso da AP-53 e da AP-9", explicou, e reprobou a postura do Goberno estatal, que aconsellou a Galiza reformar o Estatuto de Autonomía para seguir gañando autogoberno. A este respecto, Rueda insistiu en que aínda hai competencias a transferir no actual marco estatutario e vías constitucionais para poder facelo. Así as cousas, Alfonso Rueda proclamou que "o que falla é a vontade do Goberno" e insistiu en que non responde ás demandas da comunidade "porque non interesa politicamente". Exemplificou co traspaso das competencias de tráfico, no que De la Vega advertiu "dificultades técnicas" o pasado sábado cando -recalcou- xa se daba "por pechado". "O Goberno quere diferenciar entre comunidades de primeira e de segunda", recriminou Rueda e instoulle a "explicar por que". Ao tempo, subliñou que é "inadmisíbel politicamente que se xogue" cos dereitos dos galegos e asegurou que a Xunta “non vai consentir que se discrimine” a Galiza, como ao seu xuízo certifica tamén o recurso á Lei de Caixas presentado este martes ante o Tribunal Constitucional (TC).
Alfonso Rueda no pleno do Parlamento.
No polo oposto, os grupos da oposición -PSdeG e BNG- criticaron o "patético" resultado da reunión, lamentaron as "queixas" de Alfonso Rueda, e coincidiron na necesidade de emprender a reforma do Estatuto de Autonomía, tal e como o Goberno central aconsellou.
O deputado do BNG e ex vicepresidente da Xunta Anxo Quintana avisou a Rueda de que a política de "agravios e vitimismo" dá poucos resultados e lamentou que leve "queixas" á Cámara autonómica no canto "dunha estratexia" de negociación. Neste punto, retomou a "cooperación intelixente", tan "deostada" polo PP na oposición, e acusou a Xunta de cambiar a estratexia de "submisión" do Goberno de Fraga por unha de "enfrontamento inútil", cuxo resultado é "cero pataqueiro".
"Iso é todo o que nos pode ofrecer?", preguntouse Quintana antes de pedir a Rueda que impulse unha estratexia asentada baseada en "continuar o traballo feito", actuar "politicamente" para que no Congreso se manteña a "unidade" do Parlamento no debate de determinadas transferencias -como as competencias de tráfico- e que inicie "de inmediato" os traballos para que Galiza teña "un Estatuto de nación" que lle outorgue un marco competencial acorde "co século XXI".
Coa petición de reformar o texto estatutario coincidiu o deputado socialista José Luís Méndez Romeu, quen considerou, ademais, que o proceso debería arrincar desde as "entrañas" da representación cidadá, é dicir, desde o Parlamento "soberano" e non partindo dunha proposta "do PP", en referencia ao proxecto que o actual presidente, Alberte Núñez Feixóo, se comprometeu a articular no seu programa electoral antes de que finalice a lexislatura.
"Agora é o momento, non hai nada que o impida", proclamou Méndez Romeu e resaltou o feito de que ambos os grupos da oposición teñen a "mesma postura" que mantiveron durante a súa xestión á fronte do anterior Goberno bipartito. "Basta de queixas, Madrid non regala nada e a Galiza, de chorar, xa lle chegou", apostilou Anxo Quintana.
Na súa quenda de réplica, Alfonso Rueda advertiulle a Méndez Romeu que a Xunta cumprirá co seu compromiso de presentar un proxecto de reforma para o Estatuto de Autonomía, pero asegurou que "non é de recibo" que a comunidade o faga "porque o diga un secretario de Estado". "Cando a presentemos, será unha proposta de Goberno e non de partido", proclamou, ante a "estupefacción" de Méndez Romeu.
O titular de Presidencia introduciu a polémica sobre as caixas no debate ao asegurar que "non é casual" que a "cerrazón" do Executivo central en materia de competencias "coincida" coa interposición dun recurso de inconstitucionalidade á Lei de Caixas. "Evidencia que o Goberno quere optar por un conflito Xunta-Estado", remachou.
Fronte a iso, Méndez Romeu insistiu en que existe unha mesa de diálogo previo co Estado para poder retocar as leis antes da súa aprobación e así evitar recursos ante o Constitucional. "Na pasada lexislatura este procedemento activouse en catro ocasións e permitiu que a Xunta puidese realizar melloras nas súas normas evitando outros tantos recursos", espetou.
A este respecto, o deputado do PPdeG Pedro Puy Fraga alegou que, antes da súa aprobación, a Lei de Caixas se publicou no diario do Parlamento sen que o Goberno se puxese en contacto con Galiza para manifestar as súas dúbidas cara a ningún punto. Na mesma idea incidiu Rueda, quen subliñou que ese tivera sido un xesto "de lealdade institucional".
"O resto é pór o Parlamento baixo sospeita", engadiu, e salientou que a negativa do Goberno á petición de traspasos e a que Galiza "teña un marco financeiro solvente" supón "comprometer seriamente" o desenvolvemento do autogoberno da comunidade. "Que ninguén se engane, dicir que non á fusión das caixas é dicir que non, así, de súpeto, á metade do impacto que poderiamos ter coa reforma do Estatuto, que é tanto como dicir á metade do noso futuro Estatuto", concluíu.
Descargar Tarifas