Europa Press . A consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas anunciou hoxe a creación dunha liña de axudas aos concellos para que redacten os seus Plans de Ordenación Municipal. Só o 13 por cento dos concellos galegos ten este documento en regra.
O titular de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, anunciou hoxe a creación destas axudas co fin de que os concellos “redacten” os seus respectivos plans xerais ou “os actualicen” de acordo á Lei do Solo de Galicia de 2002. Estas subvencións suman un importe de 10 millóns de euros e engadiranse aos 18,9 das anualidades en curso de axudas aprobadas en exercicios anteriores. Hernández xustificou estas axudas aludindo que na actualidade só 42 concellos galegos contan co seu PXOM (Plan Xeral de Ordenación Municipal) adaptado á lei vixente, mentres que outras 196 teñen “algún tipo de norma” e os 77 restantes carecen de “figura” de planeamento urbanístico. “Hai que dar un impulso ao planeamento municipal”, concluíu o titular de Medio Ambiente, que apostou por “mellorar a eficiencia” do traballo do seu departamento no tempo de resposta, introducir cambios lexislativos e habilitar novas axudas. Hernández informou que 216 municipios xa contan coa subvención da Xunta para redactar o PXOM, cifra que supón que o 82 por cento “xa recibe ou está a piques de facelo” unha axuda para este concepto. Axudas As subvencións oscilan entre o 80 por cento do custo total da redacción do plan para os concellos de entre 20.000 e 50.000 habitantes, ata o cento por cento para as localidades de menos de 5.000 censados. As vilas de entre 5.000 e 20.000 habitantes recibirán o 90 por cento da cuantía total. O importe entregarase de xeito parcial, en cinco partes iguais, a medida que se firme o contrata para iniciar o plan, a documentación chegue á Xunta e se aprobe inicial, provisional e definitivamente a norma en cada concello.
Agustín Hernández, conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas..
Descargar Tarifas