PUBLICIDADE
Venres, 19 de marzo de 2010
Ante o Tribunal Constitucional
O Goberno central presenta o recurso á Lei de Caixas

Europa Press O Goberno central formalizou hoxe ante o Tribunal Constitucional (TC) o recurso contra varios preceptos da Lei de Caixas, tal e como anunciara a vicepresidenta primeira, María Teresa Fernández de la Vega tras o Consello de Ministros do pasado venres, segundo confirmaron a Europa Press fontes desta institución. O texto solicita a suspensión da vixencia dos puntos impugnados.

Reloxo 09.02.2010 | 14:56

Mª Teresa Fernández de la Vega con Alberte Núñez Feixóo Mª Teresa Fernández de la Vega con Alberte Núñez Feixóo. MPR

O Executivo estatal argumenta no texto rexistrado ante o TC contra dez preceptos da nova normativa galega -os mesmos incluídos no primeiro informe do Goberno e sobre os que ditaminou o Consello de Estado-, pois entende que dous deles vulneran competencias en materia de solvencia e natureza das caixas (o que se refire ao déficit patrimonial e a autorización da Xunta para participar nun SIP), e os restantes non respectan o disposto na norma estatal sobre os órganos de representación.

O recurso, interposto pola Avogacía Xeral do Estado, consta de 56 páxinas nas que o Goberno expón as razóns polas que considera que varios preceptos da norma galega, aprobada o pasado decembro no Parlamento cos votos a favor do PPdeG e do BNG, chocan coa estatal.

O documento afirma que o exame da lei galega "arroxa importantes incongruencias coa normativa estatal básica" e que os supostos de "contravención directa e alteración insalvábel concorren" nos preceptos contra os que alega o Executivo central. En concreto, son obxecto de recurso, sete apartados do artigo dous; dous do artigos tres e a disposición transitoria primeira.

Déficit patrimonial e SIP

O Goberno considera que o apartado que regula o proceder en caso de déficit patrimonial "lle atribúe á Comunidade a exorbitante facultade de imposibilitar ás autoridades estatais o exercicio das súas funcións de supervisión", pois di que, no caso de que a entidade non teña recursos suficientes que garantan a súa solvencia, se pode tomar "calquera outra medida -enumera antes outras- prevista na normativa básica do Estado, previa autorización dos órganos competentes da Comunidade Autónoma de Galiza".

"A literalidade mesma do precepto impugnado resulta de todo punto inconciliábel co exercicio das funcións básicas que a normativa reserva ao Estado", sostén o Executivo, que estima tamén "inconstitucional" que a lei galega estabeleza que analizará as consecuencias da participación dunha caixa nun SIP e as usará como "criterio de valoración" para dar ou non a súa autorización.

"Desnaturaliza a funcionalidade atribuída a este mecanismo de protección mutua -o SIP-", sinala o texto para defender que a autorización de tal operación "corresponde en exclusiva ao Banco de España" e "carece de todo sentido" que a lexislación autonómica "desprace de facto" a competencia estatal ao requirir como previo o visto e prace da Xunta.

Rexistro de altos cargos

No canto ao carácter constitutivo que dá a norma galega ao rexistro de altos cargos -os nomeamentos ou cesamentos non terán efecto até que se comunique a inscrición no rexistro-, o Goberno considera que contradí tanto a regulación xurídica do tráfico mercantil como a regulación dos órganos de goberno recollida na lei estatal, pois esta non prevé a alta nesta listaxe como requisito previo para exercer como conselleiro nunha entidade.

Outro dos puntos impugnados é o que se refire á representación das entidades representativas -un 10 por cento da asemblea-. "A inconstitucionalidade prodúcese", argumenta o recurso, porque a lei galega non somete o sector ao "principio básico" de igualdade proporcional á cifra de depósitos entre as diferentes comunidades nas que estean abertas oficinas das caixas.

Así, o documento rexistrado ante o TC responde tamén ao argumento da Xunta a este respecto, pois sinala que aínda que "é certo" que este sector non se considera básico na Lei de Órganos Reitores de Caixas de Aforros (LORCA), "non cabe ningunha dúbida" de que, no caso de que apareza esta representación, "queda suxeita ao principio básico de igualdade proporcional á cifra de depósitos".

Maiorías e obra social

O Executivo estatal impugna tamén o precepto galego que estabelece que os membros do consello de administración deberán escollerse de entre os integrantes da asemblea, pois a LORCA permite que entren conselleiros alleos a este segundo órgano se cumpren os requisitos de profesionalidade". Así mesmo, respecto de que unicamente o Parlamento pode ter máis dun representante no consello, reclama que a representación debe facerse a través "dos mesmos grupos e con igual proporción" que na asemblea.

No caso do artigo 32 que sinala que a asemblea tomará as súas decisións por maioría simple, o Goberno ve unha "omisión insalvábel" que non se inclúan neste punto os acordos sobre unha fusión dentro do réxime de quórum cualificado.

Tamén a autorización dos orzamentos de obra social contradí a norma estatal, prosegue o recurso, que sostén que estas son competencias atribuídas aos órganos de goberno das entidades e interpreta este precepto, de novo, como unha "extralimitación" da comunidade. Os mesmos motivos argumenta para impugnar que o Goberno galego deba dar o seu visto e prace previo a investimentos superiores a 500.000 euros en tres anos.

Renovación parcial

Para rematar, o recurso sinala que a renovación total dos órganos de goberno nun prazo de dous meses -como figura na disposición transitoria primeira- "infrinxe" tamén a LORCA. Admite, neste punto, as teses defendidas pola Xunta de que a norma é "básica" no que se refire á renovación parcial, aínda que esta non ten por que facerse necesariamente a medias.

Neste sentido, refire que na mesma disposición da lei galega se estabelece que, na primeira renovación, seguirán no seu cargo un ano máis os representantes dos empregados e a metade dos impositores, co que a renovación é do 75 por cento. Esta aclaración "non fai desaparecer o vicio de inconstitucionalidade", insiste o Executivo estatal, xa que non é "suficiente" para cualificar de "non radical" o cambio nos membros das asembleas.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río