Europa Press . O Concello da Coruña incorpórase ao grupo de cidades españolas nas que é posíbel substituír o cumprimento de penas de tráfico por traballos sociais en beneficio da comunidade, segundo informou o Consistorio coruñés, que prevé que 177 persoas se acollan, anualmente, a este programa.
O alcalde da Coruña, Xavier Losada, e a secretaria xeral de Institucións Penais, Mercedes Gallizo, subscribiron este martes en Madrid o convenio mediante o cal o concello herculino se suma a esta iniciativa, posta xa en marcha en cidades como Sevilla ou a capital española. A partir de agora, poderá conmutar penas de cárcere, na súa práctica totalidade por delitos relacionados co tráfico e a seguridade viaria, por outras penas substitutorias consistentes en traballos sociais e para a comunidade. Segundo recolle o acordo, unha das posibilidades previstas no vixente Código Penal que evita o ingreso en prisión é o denominado 'Traballo en Beneficio da Comunidade', que consiste nunha pena privativa de dereitos cuxa imposición require o consentimento do penado e obrígalle a prestar a súa cooperación non retribuída en actividades de utilidade pública, o que se traduce, á súa vez, na imposición de determinado número de xornadas de traballo. As sancións e medidas penais alternativas teñen como obxectivo final a reeducación e reinserción social "xa que se trata de penas para cumprir en sociedade e con beneficios para a propia comunidade", indica o concello da Coruña nun comunicado. Segundo as súas previsións, poderían participar no programa 177 persoas ao ano, durante o que desenvolverán a súa actividade "en horario laboral, sen percibir salario e sen substituír postos de traballo nin competir co mercado laboral". Actividades Entre outras funcións, está previsto que se encarguen de colaborar en programas de educación viaria para escolares e maiores, control de sinalizacións de tráfico, control de prazas de estacionamento para minusválidos, apoio a tarefas preventivas en Protección Civil e Bombeiros, colaboración con programas e actividades nos centros cívicos, control e axuda en obras en vías públicas, e atención ao público e mantemento nos museos científicos. A duración das xornadas de traballo pode ir desde o máximo de oito horas até catro e en calquera día da semana. Segundo o consistorio coruñés, as persoas que se acollen a este tipo de medidas adoitan ser "condenados na seu maior parte por delitos contra a seguridade do tráfico e cun traballo regularizado de oito horas". En canto ao seu nivel de estudos, a maioría deles ten formación universitaria ou cualificación profesional.
.
Descargar Tarifas