PUBLICIDADE
Domingo, 21 de marzo de 2010
Que pedía blindar as condicións laborais
Luz verde á Lei Ómnibus sen o apoio do BNG

Europa Press Os grupos do PPdeG e PSdeG déronlle hoxe luz verde á Lei Ómnibus galega, que modifica un total de 23 normativas da lexislación do país para adaptarse á Directiva de Servizos da Unión Europea. Con todo, os nacionalistas rexeitaron o texto, a pesar de recoñecer 'melloras' introducidas no trámite parlamentar, posto que o BNG demandaba blindar as condicións laborais galegas.

Reloxo 09.02.2010 | 13:43

Panorámica do hemiciclo galego Panorámica do hemiciclo galego. Pepe Ferrín/AGN

Foi o portavoz do Grupo Parlamentario do Bloque, Carlos Aymerich, quen puxo o acento en que a libre prestación de servizos "legaliza o dumping" social e, polo tanto, "non se garante que os traballadores galegos" estean suxeitos á lexislación laboral de Galiza.

Neste sentido, instou os grupos a incorporar unha emenda dos nacionalistas cuxo obxecto se basea en "asegurar as condicións mínimas", aínda que iso supuxese "un conflito" coa Unión Europea, porque "merecería" a pena, tras o que lamentou a actitude dos grupos 'popular' e socialista por non recoller esta cuestión, que xa fora rexeitada en trámites parlamentarios anteriores.

De feito, a crítica do deputado do Bloque molestou     o socialista Xosé Manuel Laxe Tuñas, quen subliñou que o PSdeG "non aceptará leccións" sobre a defensa dos dereitos dos traballadores, algo que recalcou ao recordar que o seu partido leva nas súas siglas a condición de "obreiro".

"Respectamos a defensa dos grupos minoritarios (polo BNG), pero ninguén pode pór en dúbida a nosa defensa dos dereitos dos traballadores e non lle imos aceptar leccións", espetou Laxe Tuñas, a quen Aymerich lle revelou que "o verdadeiro debate que latexa detrás da liberación de servizos" son as condicións dos traballadores, que "non se harmonizan" no ámbito europeo.

Pola súa banda, o representante do grupo do PPdeG no debate, Antonio Rodríguez Miranda, tendeu a man a transaccionar a emenda nacionalista incorporando a necesidade de que a defensa das condicións de traballo atendan ás normativas europeas e estatais vixentes.

"Teñen a posibilidade de collela e aprobala, ou votar en contra e quedar en solitario", dirixiuse Rodríguez Miranda ás bancadas nacionalistas, un xesto que non chegou a ser negociado antes dos sufraxios e, polo tanto, tampouco incluído.

Inclusión galego

Durante as súas respectivas intervencións, os deputados dos tres grupos destacaron as melloras que suporá a transposición da normativa para a simplificación de trámites ou en aspectos como os colexios profesionais, así como todos se fixaron na introdución da lingua galega na prestación de servizos.

Así, o nacionalista Carlos Aymerich reivindicou que o texto recolla a obrigación de que os prestadores de servizos se dirixan aos consumidores, de forma oral e escrita, en lingua galega –unha opción transaccionada cos demais grupos.

"Non satisfai, pero é un primeiro paso para a plena aplicabilidade da lingua", manifestou o deputado do Bloque, quen apostaba por recoller a obrigación de "promovela", ademais da de dar garantías para os dereitos dos consumidores. "Pero a transacción é algo positivo", admitiu, respecto dunha "mellora para o galego", en palabras de Laxe Tuñas.

"É a proba evidente de que neste grupo estamos por apoiar a lingua propia á marxe de extremismos", destacou o parlamentario 'popular' na súa quenda de intervención, quen tamén aproveitou para subliñar que os 'populares' aceptaron boa parte das emendas da oposición "para mellorar o texto" e, así, "pór por encima os intereses do país".

En 12 meses unha lei

Doutra banda, outra das cuestións que destacaron os parlamentarios é a obrigación do Goberno galego de remitir, no prazo de 12 meses, un proxecto de lei que regule a actividade de autotaxi e o aluguer de vehículos turísticos con condutor, co obxectivo de "evitar a competencia desleal" neste sector.

Entre as normativas que se acollen a esta lei paraugas, atópanse a que regula o libro e a lectura, patrimonio cultural, protección de animais domésticos, conservación da natureza, vivenda, artesanía, seguridade industrial, Administración local, a normativa que regula as actividades feirais, a de xogos de Galiza ou a de promoción ou defensa da calidade alimentaria.

Obxectivos

A directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo inscríbese na 'estratexia de Lisboa' e propón catro obxectivos principais para conseguir un mercado interior de servizos, que pasan por "facilitar" a liberdade de estabelecemento e liberdade de prestación de servizos na UE, reforzar os dereitos dos destinatarios dos servizos na súa calidade de usuarios, fomentar a calidade dos servizos e estabelecer unha cooperación administrativa efectiva entre os Estados membros.

Deste xeito, o ámbito de aplicación esténdese a calquera servizo prestado a cambio dun remuneración económica, salvo sectores excluídos. Entre estes, atópanse servizos non económicos, financeiros, comunicacións electrónicas, transporte (incluídos portuarios), empresas traballo temporal, sanitarios, audiovisuais, xogos por diñeiro, actividades vinculadas ao exercicio da autoridade pública, determinados servizos sociais –atención nenos, vivenda social, apoio a persoas necesitadas–, servizos de seguridade privadas e os prestados por notarios e axentes xudiciais designados pola Administración.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río