PUBLICIDADE
Domingo, 21 de marzo de 2010
E que permita 'caixas ao servizo de Galiza'
O BNG pídelle a Zapatero unha 'axenda galega' na UE

Redacción .  A primeira reunión entre o presidente do Goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero, e o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, tratou na necesidade de que a Presidencia española na UE inclúa unha 'axenda galega' e no recurso contra a Lei de Caixas.

Reloxo 09.02.2010 | 07:26

Guillerme Vázquez e José Luis Rodríguez Zapatero reunidos na Moncloa Guillerme Vázquez e José Luis Rodríguez Zapatero reunidos na Moncloa. AGN

O encontro entre Zapatero e Vázquez, cualificado polo nacionalista de “agradábel e distendida”, prolongouse na tarde de onte máis de dúas horas. A necesidade de que a Presidencia española na UE inclúa “unha axenda galega” e a demanda ao Goberno central de que retire o recurso de inconstitucionalidade, así como a análise da crise económica e os investimentos de Fomento en Galiza, foron os tres asuntos que centraron a reunión.

Axenda galega na UE

“Demandámoslle ao Goberno que abra unha axenda galega na Presidencia semestral da Unión Europea e que, consecuentemente, asuma como propios obxectivos como o levantamento do veto que pesa sobre Astano, o impulso dunha nova política agraria que dea viabilidade ao sector lácteo galego ou a defensa dos intereses da flota de pesca galega en Europa, na perspectiva de que Galiza sexa considerada zona altamente dependente da pesca por parte da UE”, pormenorizou o portavoz nacional.

Sobre o sector lácteo, pediu a intervención nos mercados para garantir prezos dignos e a redistribución de dereitos de produción, de maneira que se reduzan as cotas aos estados excedentarios e se incrementen as dos deficitarios –entre eles o español, para así beneficiar os intereses galegos.

Guillerme Vázquez lembrou especificamente o compromiso contraído polo presidente do Goberno co BNG no Pleno do Congreso dos Deputados de defender en Europa o levantamento do veto. “Ese compromiso tense que materializar agora”, enfatizou o líder do BNG.

Lei de Caixas

O portavoz nacional abordou tamén na reunión a crise política con Galiza aberta polo Goberno español ao ter presentado un recurso de inconstitucionalidade contra a Lei de Caixas.

“Nesta lei o BNG tivo moito a ver. Agora atopámonos cun recurso inxustificado por parte do Goberno. Un recurso que só busca impedir a fusión galega e iso inevitabelmente se traduciría na deslocalización das nosas caixas, a que perdésemos os centros de decisión”, afirmou Guillerme Vázquez.

O recurso provocou a discrepancia entre os dous líderes políticos. “O presidente afirma que é un recurso técnico. Eu díxenlle que na miña opinión é un recurso político. Para nós, a lei é plenamente constitucional e ten contidos idénticos a outras leis que non foron recorridas”, alegou o portavoz nacional.

Sobre unha eventual negociación do contido da lei, afirmou que “negociar as leis é un pouco complicado”. “Os parlamentos autonómicos teñen dereito a elaborar leis. A partir de aí estas son constitucionais ou non. Nós cremos que esta o é. E non vexo ben que é o que hai que negociar”, engadiu.

Desde logo, enfatizou, se a intención do PSOE e o PP é “negociar o reparto do poder” na entidade resultante da fusión “o BNG aí non vai entrar”. “Nós non estamos por un reparto do poder, estamos porque a lei poña as caixas ao servizo da economía produtiva de Galiza. Temos tanto dereito como os cataláns, os Vascos, os andaluces ou os madrileños”, resaltou.

Pediu que “impere a razón” e que “poda haber caixas ao servizo de Galiza, como as hai ao servizo de Catalunya, Euskadi e Andalucía”.

Crise económica

No que atinxe á crise económica, o portavoz nacional trasladoulle ao presidente do Goberno que “non é baixando as pensións nin abaratando o despido como se vai superar esta difícil situación”.

Criticou especialmente o tema das pensións por ser “socialmente inxusto” e “por castigar con maior dureza a aqueles países que, como Galiza, teñen pensións por debaixo da media estatal”.

“O BNG está claramente por outro modelo económico, que claramente prime a economía produtiva sobre a especulativa e que non se basee na precarización das condicións de vida dos traballadores e das traballadoras”, dixo.

A saída á crise debería ir, por contra, por “garantir o dereito de todos os territorios, a comezar por Galiza, a desenvolver os seus sectores produtivos”.

Investimentos en infraestruturas

Mostroulle tamén a Zapatero a súa inquietude por que o anunciado retallamento nos investimentos do Ministerio de Fomento en Galiza vaian adiar “aínda máis” a realización de obras básicas para o país, como o AVE.

A respecto das liñas de alta velocidade, demandou “que non se deixe no abandono” os tramos A Coruña-Ferrol e Vigo-Tui, e a adecuación ás altas prestacións ferroviarias do resto da rede.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río