Europa Press . O secretario xeral do PSdeG, Manuel Vázquez, anunciou unha reestruturación do Grupo Parlamentario Socialista co obxectivo de trasladar á Cámara autonómica 'políticas que falen dos problemas e inquietudes da xente'.
Créanse, segundo explicou tras a reunión do grupo parlamentario, seis grupos de traballo "homoxéneos" que viran ao redor "da vida real" dos galegos e estarán liderados por seis coordinadores e viceportavoces -fronte aos dous que había-. Os asuntos vinculados ao territorio estarán coordinados por Mar Barcón, mentres que das cuestións económicas encargarase Abel Losada. A política social levaraa Beatriz Sestayo e a institucional, Xosé Manuel Lxge. Concepción Burgo será a responsábel de cultura e educación e Xosé Luís Méndez Romeu levará asuntos europeos e emigración. Deste xeito, estabelécese "un dobre sistema de coordinación" co propio portavoz parlamentario, Xaquín Fernández Leiceaga; e a nova estrutura servirá para dar un impulso "homoxéneo" a cada área. "Será moito máis operativa e útil á sociedade", considerou Vázquez, quen explicou que as seis áreas reflicten "elementos de preocupación cidadá". A maiores, a Comisión Permanente do grupo tamén sufrirá cambios pola incorporación dos seis viceportavoces e Carme Acuña en substitución de Laura Seara, recentemente nomeada directora do Instituto da Muller. Tal e como indicou o líder dos socialistas galegos, a "figura" de Leiceaga como portavoz sae "reforzada", ao poder contar con seis viceportavoces. "O noso portavoz é a peza chave, o dianteiro centro", enxalzou.
Parte da bancada socialista durante un pleno do Parlamento.
A maiores, tras a reunión da Comisión Executiva do PSdeG, a secretaria de Política Municipal, Mar Barcón, avanzou que os socialistas farán que as demandas locais cheguen á Xunta a través de iniciativas parlamentarias. "Faremos que a súa voz chegue ao Parlamento para impedir o seu estancamento e que teñan máis capacidades económicas e sociais", asegurou.
"Usaremos o Parlamento como caixa de resonancia para que chegue a voz da cidadanía", incidiu, para garantir que os socialistas leven propostas activas de emprego que os concellos están levando a cabo con "imaxinación e escaseza de recursos" fronte á "inacción" da Xunta.
"Fronte á parálise, a inacción e as dúbidas do Goberno de Alberte Núñez Feixóo, eles asumiron a responsabilidade de ser o verdadeiro motor económico e social", salientou a socialista, quen apuntou que licitaron "case máis obra pública que a Xunta". Ademais, estendeu esta afirmación a outras áreas, tales como Educación e Sanidade.
Finalmente, avanzou a creación dun Banco de Boas Prácticas Municipais, no que se poderá visualizar o resultado de distintas iniciativas en "as áreas que máis preocupan" aos cidadáns, como o emprego, o transporte, a educación e os servizos sociais.
Descargar Tarifas