PUBLICIDADE
Domingo, 21 de marzo de 2010
O Presidente de Pescanova rexeita a marcha contra a fusión
Fernández de Sousa: 'O SIP supón un grave prexuízo para Galiza'

Europa Press O presidente do grupo Pescanova, Manuel Fernández de Sousa, manifesta a 'oposición' da multinacional á manifestación convocada para este martes polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, en contra da fusión das caixas, e considera 'falso' que se estea defendendo Vigo cando se rexeita a unión.

Reloxo 08.02.2010 | 18:31

Manuel Fernández de Sousa, presidente do grupo Pescanova Manuel Fernández de Sousa, presidente do grupo Pescanova. Sonia Daponte/AGN

Nunha rolda de prensa, Fernández de Sousa estimou que "un mandatario como Caballero" non pode "ocultar" que a fin última da manifestación sexa que "Caixanova marche de Galiza, mediante un SIP (Sistema Institucional de Protección), a Murcia, Cantabria ou onde fose" e, xa que logo, estimou que “non se pode dicir que iso é en defensa de Vigo". Ademais, considerou "falso" que a mobilización sexa un "manifesto cidadán pola permanencia de Caixanova".

O presidente da multinacional recordou a súa aposta por unha "solución galega", aínda que sempre desde o "respecto e a consideración de todas as opinións"; aínda que puntualizou que a mobilización "non merece ese respecto", ao apelar "ao sentimento dos cidadáns desde a emoción e non desde a información".

Fernández de Sousa, que lembrou que Pescanova cumpre 50 anos de existencia, considerou que a súa "responsabilidade non só abarca o ámbito dos negocios propios de Pescanova", senón tamén o das persoas que dependen da compañía "de forma directa ou indirecta".

De feito, afirmou ter a "obriga moral" de transmitir e "defender aquilo que nun momento determinado poida ser o mellor", manifestando así a súa oposición á manifestación, ao considerar que o seu obxectivo supón "un grave prexuízo" para o grupo, os seus traballadores, todos os sectores económicos vinculados con Pescanova e, xa que logo, "para Vigo e Galiza".

Condicións crediticias

Fernández de Sousa afirmou que hai "dúas opcións" para o futuro das caixas: "unha solución galega" ou a que, segundo engadiu, "pretende ocultar" a mobilización deste martes, consistente en "buscar solucións fóra de Galiza mediante SIPs que non garantirán o acceso crediticio de igual xeito que hoxe teñen as empresa galegas".

A xuízo de Fernández de Sousa, "non é mellor un SIP con Murcia, Cantabria ou quen sexa, que unha solución galega" para os intereses da súa empresa, os seus traballadores e "todos aqueles que de forma directa ou indirecta se vinculan coa existencia do grupo Pescanova en Vigo". Ademais, destacou que esta opción "tampouco é mellor" para os cidadáns que teñen que acceder a un crédito e que "hoxe poden acceder con entidades próximas cuxo eixo de investimento principal é Galiza".

Neste sentido, destacou que as dúas caixas suman un 36 por cento de cota de investimento na comunidade, asegurando que ninguén lle poderá "convencer" de que unha cota dese importe se vaia conseguir a través de SIPs externas "onde as caixas galegas sexan as máis pequenas e onde a competencia do crédito para as empresas galegas será moito mellor".

Finalmente, sinalou que este "empeoramento" das condicións crediticias é "malo" para os galegos e, segundo agregou, "o que é malo para os galegos é malo en Vigo, A Coruña, Ourense ou en Lugo" e, xa que logo, "non é bo" nin para os empregados, nin para as empresas do grupo, "nin para todos aqueles que fan o seu proxecto de vida e das súas familias en Galiza".

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río