Europa Press . O Fondo Estatal para o Emprego e a Sustentabilidade Local financiará no 2010 un total de 2.221 proxectos nos concellos galegos, cun orzamento superior aos 300 millóns de euros.
Segundo os datos facilitados polo Ministerio de Política Territorial, entre os proxectos de investimento inclúese un total de 1.904, cunha partida orzamentaria de 275.482.875,29 euros. Pola súa banda, no apartado de programas sociais, a Comunidade galega presentou 317 iniciativas, dotadas cun orzamento de 25.337.479,22 euros. Os concellos españois presentaron un total de 30.620 proxectos para ser financiados este ano con cargo ao Fondo Estatal para o Emprego e a Sustentabilidade Local. Segundo as previsións dos propios municipios, estes investimentos xerarán ao redor de 274.000 empregos directos. O pasado xoves terminou o prazo concedido aos consistorios para presentar os seus proxectos de investimento con cargo ao novo fondo local, dotado cun total de 5.000 millóns de euros. Unha vez concluído este período de tres meses, son 8.105 concellos os que dirixiron as súas propostas ao Ministerio de Política Territorial e só nove os que non rexistraron ningunha solicitude. Postos de traballo A pesar de que o vicepresidente terceiro do Goberno e ministro de Política Territorial, Manuel Chaves, quixo ser "moi cauto", adiantou que as previsións son que este plan xere no 2010 ao redor de 274.000 postos de traballo. "Isto corresponde a once empregos directos por proxecto", avanzou. Nesta ocasión, os municipios tiñan a posibilidade de destinar até o 20 por cento do investimento que lles correspondía a gasto social relacionado coa educación e a dependencia. En total, presentáronse 25.389 proxectos de investimento, cun montante de 4.248 millóns de euros, e outros 5.231 para gasto social, cuxa contía elevar a 737 millóns.
Exercicio ao aire libre nun parque público
O Ministerio estabeleceu unha división dos proxectos de investimento entre os que xeran sustentabilidade económica, que supón o 30,93 por cento, aqueles de sustentabilidade ambiental (32,16 por cento), e os de sustentabilidade social (36,91 por cento).
No apartado económico, hai iniciativas relacionadas coas novas tecnoloxías, proxectos de innovación en materia de enerxías renovábeis e aforro enerxético e recuperación de espazos urbanos, mentres que en clave ambiental as iniciativas están orientadas a promover o aforro e un mellor uso da auga, a xestión sostíbel dos residuos ou o transporte limpo.
Ademais, en materia social fundamentalmente presentáronse proxectos de mellora ou construción de centros sanitarios, educativos, culturais ou sociais, ademais dos relacionados co gasto corrente dedicado a educación ou dependencia.
O Goberno decidiu manter o criterio da poboación para a repartición dos fondos entre os municipios, onde cada unha das obras non podía superar os cinco millóns de euros. Segundo os cálculos do Ministerio, cada proxecto contempla unha dotación media de 167.346 euros, mentres que o gasto social presenta unha media de 140.918 euros.
Ademais, Chaves afirmou que o primeiro municipio en rexistrar a súa solicitude foi A Veiga (Ourense) e explicou que os últimos días de prazo houbo unha "acumulación" de proxectos. Neste prazo, o ministerio deu xa o visto e prace ao 26 por cento das iniciativas, o que permitirá que algunhas das obras comecen xa no mes de febreiro.
Descargar Tarifas