Redacción . O portavoz de Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, pediulles hoxe aos votantes do PPdeG, 'defraudados coa política de galegofobia' da Xunta, que 'salgan do armario' e apoien a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) impulsada pola plataforma para 'garantir os dereitos lingüísticos' dos cidadáns. 'Especialmente, aos votantes do PP, aos defraudados con esta política de galegofobia, de odio contra a nosa cultura, de desmantelamento da oficialidade da nosa lingua', asegurou o portavoz da plataforma cívica que aglutina máis de 600 entidades culturais, políticas e sociais galegas.
En declaracións aos medios tras presentar a ILP no rexistro do Parlamento, Callón confiou en que a mesa da Cámara "tome en consideración" o documento, co fin de comezar "nun mes" a recollida das 15.000 firmas necesarias para que os grupos políticos debatan a iniciativa. Para iso, o portavoz da plataforma vaticinou unha "intensa campaña social" polas diferentes comarcas galegas.
Carlos Callón, presidente d'A Mesa e un dos portavoces de Queremos Galego.
A proposta de Queremos Galego pretende "asegurar os dereitos lingüísticos" que "está botando abaixo" o Executivo autonómico, fundamentalmente desde o ámbito da administración; en función pública e desde o ensino. Así, o texto insta a Xunta a cumprir "o mandato estatutario" de promoción da lingua propia de Galiza –artigo 5– e asumir a Carta Europea das Linguas e o Plan Xeral de Normalización Lingüística –2004.
“Non vai contra ninguén”
Por iso, Callón defendeu que a proposta "non vai contra ninguén", senón que incide "desde a base social" na "defensa do conxunto da cidadanía" e "dos consensos" normativos alcanzados polos diferentes sectores.
Deste xeito, instou os cidadáns "que co corazón na man defenden o bilingüismo" a que apoien as iniciativas recollidas na ILP, tras recordar que "a lingua galega é motivo de unión". En contraposición, denunciou "o proceso de desmantelamento" que, na súa opinión, impulsa a Xunta e reiterou a súa petición aos votantes 'populares' para que "reflexionen se apoiaron a este partido para que ataque a lingua, crispe a cultura e divida a sociedade".
Finalmente, destacou que, "no tempo que leva Feixóo" no Goberno, "non houbo a primeira medida en defensa do idioma" e que, por outra banda, haxa "conselleiros e conselleiras que presumen de non saber" galego.
Descargar Tarifas