Europa Press . Meteogalicia xestionará en exclusiva a información agrometeorolóxica e fitosanitaria de Galiza a través de 140 estacións de recollida de datos tras a incorporación á súa rede dos 60 centros de obtención de información dependentes da consellaría de Medio Rural. A Xunta prevé aforrar custos de funcionamento -o 50 por cento no caso do servizo que prestaba a Administración rural galega- coa 'optimización' e 'racionalización' dos seus recursos.
Na firma do convenio entre as consellarías de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e Medio Rural, o coordinador da área de observación do medioambiente e meteoroloxía de Meteogalicia, Santiago Salsón, explicou que as dúas redes de información que integrará este centro nunha única permitirán xestionar 2.000 sensores a través dos cales disporán de 300.000 datos de "todas as variábeis meteorolóxicas". As estacións agrometeorolóxicas recollerán datos sobre a humidade foliar -canto tempo están humedecidas as follas- e do chan; o vento que sopra a dous metros -fronte aos 10 metros que se toman como base para a información meteorolóxica xeneral-; a evapotranspiración -permitirá realizar balances hídricos-; as horas de luz ou as temperaturas do solo, entre outros indicadores. O obxectivo, segundo sinalou o conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, é previr e minimizar o risco de ataque de fungos, por exemplo nas producións vitivinícolas e noutros cultivos, en función da predición elaborada a partir deses datos, que se colgarán na web de Meteogalicia e remitiranse por correo electrónico. Juárez considerou que os datos que se soliciten son "imprescindíbeis" para o desenvolvemento das actividades agrogandeiros e forestais, das que sinalou que están expostas ás condicións meteorolóxicas, a fin de que, ao coñecer esta información con anticipación, poidan obter unha "mellora significativa" na conta de resultados das súas explotacións. Meteogalicia elaborará informes periódicos adaptados ás necesidades de Medio Rural e unha predición agrometeorolóxica semanal con datos sobre as temperaturas, rexistro de choivas, valores de radiación solar, precipitacións acumuladas e humidade. Tamén incorporará novas aplicacións, adecuadas á información agrometeorolóxica, na súa web.
Os conselleiros de Medio Ambiente e Medio Rural en Meteogalicia.
1 / 2
Os destinatarios destes informes serán tanto os técnicos da consellaría, das cooperativas agrarias e organizacións profesionais e de asesoramento como os propios agricultores e gandeiros.
"Hai entidades que están traballando en sistemas de avisos e alertas que poidan chegar ao agricultor", recordou o titular da Administración agraria galega, quen apuntou que unha das liñas de traballo se centra en realizar eses avisos a través de mensaxes ao teléfono móbil.
A rede de estacións, as case 80 dependentes de Medio Ambiente e as 60 de Medio Rural, permitirá, ademais, ofrecer información agrometeorolóxica personalizada de cada área xeográfica galega até alcanzar ámbitos locais.
O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, asegurou que os datos agrometeorolóxicos e relacionados coa conservación da natureza xestionados por Meteogalicia estarán a disposición dos cidadáns a partir do próximo mes.
A subministración desta información, que até a data recollían as estacións de Medio Rural, permitirá un aforro do 50 por cento dos custos do servizo que prestaba a Administración agraria galega e que roldaban os 100.000 euros, como apuntou Juárez. "Os datos non eran todo o correctos que poderían ser", observou para asegurar que, a partir de agora, a rede será "máis ampla" e achegará "máis e mellores datos" a agricultores, gandeiros e silvicultores.
Hernández destacou a coordinación do Goberno galego a través desta iniciativa, así como a optimización de custos e o aforro que repercutirá nunha mellor xestión, da que asegurou que será máis "profesionalizada", cun sistema "rigoroso e viábel". Neste punto, recordou que Meteogalicia é un "referente" na predición meteorolóxica de Galiza e o noroeste peninsular.
Así mesmo, sinalou que se ampliará o grao de información procedente do Parque Nacional das Illas Atlánticas, onde se instalarán hidrófonos para detectar cetáceos; cinco rexistradores ultrasónicos para advertir quirópteros e dous cámaras de fototrampeo para obter información de vertebrados terrestres. Ambas as consellarías coordinarán a información procedente deste espazo natural.
Tamén indicou que na rede de Meteogalicia existen tres boias situadas en Rande, Cortegada e Cíes, ás que se sumarán outras dúas que se situarán na desembocadura do Río Miño e que permitirán detectar a presenza de cetáceos e outras especies diversas.
Descargar Tarifas