Europa Press . De celebrarse hoxe as eleccións, o PP ampliaría a súa maioría sumando dous escanos máis na Cámara galega, até chegar aos 40. Faríao a costa do PSdeG, que quedaría con 23, tras perder un deputado pola Coruña e outro por Pontevedra, mentres que o BNG conservaría os 12 parlamentarios que obtivo nos comicios de 2009.
Así o revela unha enquisa realizada por Sondaxe para o barómetro de La Voz de Galicia, na que se certifica que os 'populares', co presidente Alberte Núñez Feixóo á fronte, amortizarían un repunte de máis dun punto en porcentaxe de voto estimado, pasando do 46,7 por cento obtido o pasado 1 de marzo a un 47,9 por cento.
Colexio electoral.
No escenario que deseña o estudo demoscópico, a principal prexudicada é a formación que lidera Manuel Vázquez, que baixaría do 31 por cento dos apoios recibidos no 2009 ao 26,6 por cento. O BNG tamén rexistra unha caída de 1,4 puntos en porcentaxe de voto estimado, pero lograría conservar os 12 escanos que ten a día de hoxe.
Por provincias, o PPdeG melloraría a súa porcentaxe de votos en todas menos en Pontevedra –cun 2,2 por cento menos que en 2009–, onde baixan os tres partidos representados no Parlamento. Fronte a iso, o PPdeG rexistraría os seus maiores aumentos na Coruña (onde subiría un 3,4 por cento a costa do PSdeG) e en Ourense, onde gañaría un 3,3 por cento, tamén en detrimento dos socialistas.
Votos nas cidades
En intención directa de voto, os 'populares' logran a súa porcentaxe máis elevada nos concellos de 5.000 a 10.000 habitantes, cun 30,9 por cento, que supera en máis de cinco puntos o que recibe nas cidades (25,7 por cento). De feito, a primeira parte da enquisa avanza que, de manterse a actual intención de voto, o PPdeG non lograría unha maioría absoluta que lle garantise o Goberno en ningunha das sete grandes urbes.
No polo oposto, o PSdeG mantén as súas mellores expectativas nas grandes cidades, aínda que cunha distancia superior a nove puntos (16,2 por cento) con respecto ao PPdeG. Para rematar, o BNG rexistra a maior intención de voto (máis do 9 por cento) nas poboacións de entre 5.000 e 20.000 habitantes.
Outras formacións como Esquerda Unida (EU) e UPyD alcanzan en Galiza o 0,6 e 0,7 por cento, respectivamente, de intención de voto. A segunda formación política ten, ademais, nas grandes cidades o seu maior caladoiro de voto, rexistrando unha intención de voto do 1,5 por cento.
Segundo a enquisa de Sondaxe, os galegos aproban a Feixóo e mantéñeno como o líder mellor valorado das tres forzas políticas con representación parlamentaria, cunha nota media de 5,58 puntos sobre 10, fronte ao socialista Manuel Vázquez (que logra un 4,54 puntos) e o líder do BNG, Guillerme Vázquez, que consegue 4,16.
Con todo, Feixóo acusa o desgaste do poder e baixa medio punto con respecto ao 6,05 rexistrado en xullo, aínda que o seu índice de coñecemento se sitúa no 95,8 por cento. A Manuel Vázquez, pola súa banda, coñéceno o 58,7 por cento dos galegos entrevistados, mentres que o seu homólogo nacionalista obtén un índice de coñecemento do 36,6 por cento.
Xesús Vázquez, o peor valorado
En canto aos membros do Goberno galego, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, sitúase como a máis coñecida –cun índice do 37,8 por cento– e a mellor valorada xa que, cun nota de 5,04 é a única que consegue o aprobado. Séguenlle en coñecemento Alfonso Rueda (30,9 por cento) e Xesús Vázquez (30,7 por cento), que é o conselleiro peor valorado, con 4,37 puntos sobre 10.
Descargar Tarifas