
Estase debuxando un novo plan para achegamento e colaboración cos talibáns, ou con algúns deles. Sábese que ten habido contactos coa ONU por máis que se neguen por razóns de seguridade, e na conferencia de Londres do 28 de xaneiro aprobouse un plan de reintegración para aqueles.
O plan, tamén coñecido por plan de reconciliación na proposta de Karzai, ofrécelles aos “insurxentes” postos de traballo e diñeiro para que deixen a loita armada. Ademais de devolverlles, nun prazo de cinco anos, ás autoridades do país o control da seguridade. Unha boa maneira, por outra banda, de recoñecer que os ocupantes están perdendo a guerra despois de oito anos de terror e morte.
Como dixo a analista Lyse Doucet, “sexan ou non certas estas informacións sobre contactos e conversas coa ONU, está claro que calquera que participe no proceso quere mantelo en secreto. Os que tendan a man estarán en grave perigo. En calquera caso estarase nunha etapa inicial e delicada”
Outros pensan que os talibáns non queren negociacións porque saben que están gañando a guerra. Se ben tamén é certo que os talibáns distan moito de ser un grupo homoxéneo e ben definido. Algúns seguro que queren as negociacións, pero tamén hai moitos –Paquistán non o consentiría, porque os armou e equipou co pensamento posto na India– que non aceptarían de ningunha maneira.
En calquera caso, o continuo deterioro da situación no terreo e cos talibáns facéndose donos dunha boa parte do país, a estratexia negociadora –sinala outro analista– ao mellor terá chegado demasiado tarde.
Descargar Tarifas